Ir ó contido

A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA

“Xa non me avergonzo de quen son”

“Xa non me avergonzo de quen son”
  • Ano de nacemento: 1963

  • País de orixe: México

  • Outros datos: Criouse sen fogar e tiña complexo de inferioridade

OS MEUS PRIMEIROS ANOS

 Nacín en Ciudad Obregón, no norte de México. Son o quinto de nove irmáns. Meu pai levaba unha granxa, e viviamos ás aforas da cidade. Era un bo sitio para vivir, a nosa familia estaba unida e eramos felices. Por desgraza, cando só tiña 5 anos, un furacán destruíu a nosa granxa e tivemos que mudarnos a outro lugar.

 Meu pai comezou a gañar moitos cartos pero, ó mesmo tempo, volveuse alcohólico. Isto afectoulles a meus pais e tamén a nós. Meus irmáns maiores e mais eu comezamos a fumar, e roubabámoslle o tabaco a meu pai. Cando tiña 6 anos, emborracheime por primeira vez. Pouco despois meus pais separáronse e os meus vicios foron a máis.

 Miña nai foi vivir con outro home e levounos con ela. El non lle axudaba cos gastos, e non podiamos vivir co que gañaba miña nai. Así que meus irmáns e mais eu traballabamos no que podiamos, pero nin así conseguiamos gañar suficiente para vivir ó día. Eu limpaba zapatos e vendía pan, xornais e outras cousas. Ademais percorría a cidade rebuscando comida nos cubos do lixo da xente rica.

 Cando tiña 10 anos, ofrecéronme traballo no vertedoiro da cidade. Deixei a escola, marchei da casa e púxenme a traballar. Pagábanme dez pesos mexicanos (menos de cincuenta céntimos de euro) ó día, e dábanme comida que recollían de entre o lixo. Vivía nunha cabana que fixera con materiais que atopara no vertedoiro. A xente ó meu arredor era malfalada e tiña prácticas sexuais que Deus non aproba. Ademais, moitos eran drogadictos e alcohólicos. Foi a peor época da miña vida, choraba e tremía co medo tódalas noites. Sentía vergonza de ser pobre e ter moi poucos estudos. Vivín no vertedoiro uns tres anos, ata que me mudei a outro estado de México. Alí traballei no campo, cultivando e recollendo flores, algodón, cana de azucre e patacas.

Vivín nun vertedoiro coma este durante tres anos

 Catro anos despois, volvín a Ciudad Obregón. Unha tía miña era curandeira, e deixoume unha habitación na súa casa. Comecei a ter pesadelos e caín nunha depresión tan forte que ata pensei en suicidarme. Unha noite oreille a Deus: “Señor, se existes, quero coñecerte, e servireite para sempre. Se existe unha relixión verdadeira, quero saber cal é”.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

 Sempre me gustou aprender acerca de Deus. Mesmo de neno, fun a igrexas de distintas relixións, pero acabei desilusionado con todas. Ningunha delas falaba moito da Biblia nin me axudaba a satisfacer o meu desexo de saber máis de Deus. Algunhas poñían demasiada énfase nos cartos, e noutras os seus membros tiñan prácticas sexuais que Deus non aproba.

 Cando tiña 19 anos, un cuñado meu contoume que as testemuñas de Xehová lle ensinaran o que a Biblia di sobre adorar imaxes. Leume Éxodo 20:4, 5, onde di que non debemos facer imaxes. O versículo cinco engade: “Non te postrarás diante delas nin as adorarás, pois eu, o Señor teu Deus, son un Deus celoso”. Entón o meu cuñado preguntoume: “Se Deus usase as imaxes para facer milagres, ou se quixese que as adorásemos, por que ía prohibilas?”. Iso fíxome pensar. De aí en diante tivemos varias conversas sobre a Biblia. Gustábanme tanto esas conversas que o tempo pasábame voando.

 Co tempo, levoume a unha reunión das testemuñas de Xehová, e quedei impresionado co que alí vin. Mesmo os rapaces participaban e falaban con fluidez dende a plataforma. Pensei: “Que educación máis boa lles dan aquí!”. Malia a miña melena e o meu aspecto descoidado, todos me trataron con agarimo, e unha familia ata me invitou a cear con eles ó acabar a reunión.

 Grazas a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová, aprendín que Xehová é un Pai agarimoso que se preocupa por nós sen importar os cartos que teñamos, a nosa educación, raza ou posición social. É un Deus imparcial de verdade (Feitos 10:34, 35). Por fin me sentía feliz, xa non botaba en falta algo importante na miña vida.

OS BENEFICIOS

 A miña vida comezou a mellorar moito. Deixei de fumar, de beber en exceso e de ser malfalado. Os pesadelos e todo ese resentimento que tiña dende rapaz foron desaparecendo. Antes sentía que non valía para nada. Penso que era por tódolos traumas que tiven de neno e pola pouca educación que recibín. Agora xa non teño ese complexo de inferioridade.

 Miña muller é un encanto, ama a Xehová e é un verdadeiro apoio para min. Agora son responsable de circuíto e visito congregacións das testemuñas de Xehová para animar e ensinar a outros compañeiros de crenza, que son coma unha familia para min. Grazas á Biblia e á excelente educación que Deus nos dá, xa non me avergonzo de quen son.

Miña muller e mais eu axudamos a outros, tal como outros me axudaron a min