Ir ó contido

A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA

Xa non son escravo da violencia

Xa non son escravo da violencia
  • Ano de nacemento: 1956

  • País de orixe: O Canadá

  • Outros datos: Era violento, levaba un estilo de vida inmoral e estaba decepcionado coa súa vida

O MEU PASADO

 Nacín en Alberta (O Canadá), na cidade de Calgary. Cando era un neno pequeno, meus pais divorciáronse e miña nai e mais eu mudámonos á casa de meus avós. Eles queríannos moito. Tiven unha infancia moi feliz. Inda lembro con moito agarimo aqueles tempos tan tranquilos.

 Cando tiña 7 anos, a miña vida empeorou. Miña nai volveu casar con meu pai e mudámonos a Saint Louis, en Missouri (Os Estados Unidos). Axiña descubrín que meu pai podía ser moi cruel. Por exemplo, cando volvín do colexio o primeiro día, soubo que me pegaran e que eu non me defendera. Enfadouse moito e pegoume inda máis forte cós rapaces da escola. Tomei a peito aquela “lección” e metinme na miña primeira pelexa ós 7 anos.

 Miña nai amargábase por culpa do mal xenio de meu pai e adoitaban ter fortes discusións. Cando tiña 11 anos, comecei a emborracharme e a consumir drogas. Volvinme cada vez máis agresivo e a miúdo andaba metido en pelexas na rúa. Para cando me graduei no instituto, xa me convertera nunha persoa moi violenta.

 Cando tiña 18 anos, enroleime no exército dos marines dos Estados Unidos. Alí aprendéronme a matar a outras persoas e volvinme aínda máis violento. Cinco anos despois, deixei o exército para estudar psicoloxía coa esperanza de facer carreira no FBI. Comecei os estudos universitarios nos Estados Unidos e seguín con eles no Canadá, cando me volvín mudar alí.

 Na universidade, decepcioneime por completo coa sociedade en xeral. Parecía que a xente só pensaba en si mesma, que todo era baleiro e que os problemas non tiñan solución. Perdín a esperanza de que o ser humano puidese facer deste mundo un lugar mellor.

 Como a miña vida non tiña sentido, comecei a centrarme no alcohol, nas drogas, nos cartos e no sexo. Só pensaba en cal sería a próxima festa á que iría ou a seguinte muller coa que me deitaría. Sentíame tan confiado polo adestramento militar que recibira que adoitaba meterme en pelexas. Tiña o meu propio sentido da xustiza e enfrontábame con calquera que, segundo o meu criterio, fose inxusto cos demais. Pero, o certo é que me convertera nun escravo da violencia.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

 Un día, un amigo e mais eu estabámonos drogando no meu soto mentres preparabamos un cargamento de marihuana para vender. El preguntoume se cría en Deus e eu respondinlle: “Se Deus ten a culpa do sufrimento que hai no mundo, non quero saber nada del!”. Ó día seguinte comecei un novo traballo. Un compañeiro que era testemuña de Xehová preguntoume: “Pensas que Deus ten a culpa do sufrimento que hai no mundo?”. A súa pregunta sorprendeume porque era xusto o que eu dixera o día anterior, así que quixen saber máis. Durante os seguintes seis meses, tivemos moitas conversas e amosoume o que ensina a Biblia acerca dalgunhas das preguntas sobre a vida que máis me preocupaban.

 Daquela ía casar coa miña moza. Viviamos xuntos, pero ela non quería que lle falase do que estaba aprendendo. Un domingo díxenlle que eu invitara as testemuñas de Xehová á nosa casa para estudarmos xuntos a Biblia. O día seguinte, cando volvín de traballar, atopei a casa baleira. Descubrín que me deixara e que marchara con tódalas cousas. Saín cara a fóra e boteime a chorar. Oreille a Deus e rogueille que me axudase. Esta foi a primeira vez que lle orei a Deus usando o seu nome persoal: Xehová ou Iavé (Isaías 42:8).

 Dous días despois, comecei a estudar a Biblia cun matrimonio de testemuñas de Xehová. Logo de marcharen, seguín lendo no libro Usted puede vivir para siempre en el paraíso en la Tierra. a Remateino esa mesma noite. O que aprendín sobre Deus e o seu Fillo, Xesucristo, chegoume ó corazón. Puiden ver que Xehová é compasivo e que lle doe moito vernos sufrir (Zacarías 2:12 [2:8, NM]). Saber canto me quere Deus e que o seu Fillo se sacrificou por min conmoveume moito (1 Xoán 4:10). Cheguei á conclusión de que Xehová tivera paciencia comigo “porque non quere que ninguén pereza senón que a todos lles dea tempo a se converteren” (2 Pedro 3:9). Sentín que Deus quería que fose o seu amigo (Xoán 6:44).

 Comecei a ir ás reunións esa mesma semana. Daquela levaba melena e pendentes, e a miña aparencia metía medo. Pero as testemuñas de Xehová tratáronme coma se fose un membro da familia ó que non vían dende hai moito tempo. Comportáronse coma verdadeiros cristiáns. Sentinme coma se estivese de novo na casa cos meus avós, pero nun ambiente aínda mellor.

 As cousas que estaba aprendendo da Biblia axiña comezaron a transformar a miña vida. Cortei o pelo, abandonei o estilo de vida inmoral que levaba e deixei de abusar das drogas e mailo alcohol (1 Corintios 6:9,10; 11:14). Quería facer o que a Xehová lle agrada. Así que cando aprendía que estaba a facer algo que non lle gustaba, non buscaba escusas. Pola contra, sentíame moi mal e adoitaba dicirme a min mesmo: “Teño que deixar de facer isto”. E, sen dubidar, trataba de cambiar o meu xeito de pensar e de comportarme. Como resultado, deseguida comecei a ver os beneficios de facer as cousas ó xeito de Xehová. O 29 de xullo de 1989, seis meses despois da miña primeira clase da Biblia, bauticeime como testemuña de Xehová.

OS BENEFICIOS

 A Biblia axudoume a cambiar a miña personalidade. Antes adoitaba reaccionar de xeito violento cando alguén se encaraba comigo de mala maneira. Agora esfórzome por manter “a paz con tódolos homes” (Romanos 12:18). Pero nada disto é mérito meu. Todo é grazas a Xehová e ó poder que teñen a súa Palabra e mailo Seu espírito para transformar as persoas (Gálatas 5:22, 23; Hebreos 4:12).

 No canto de ser escravo das drogas, da violencia e dos desexos inmorais, agora esfórzome por compracer a Xehová e darlle o mellor de min mesmo. Por exemplo, axudo a outros a coñecelo. Uns anos despois de bautizarme, mudeime a outra parte do mundo para predicar en lugares onde cómpren máis predicadores. Co paso dos anos, desfrutei de ensinar a moitas persoas e de ver como a Biblia mellorou as súas vidas. Tamén estou moi contento de que a miña nai agora sexa testemuña de Xehová, en parte, polos moitos cambios que ela viu na miña actitude e no meu comportamento.

 En 1999, no Salvador, gradueime do que agora se chama Curso para Evanxelizadores do Reino. Este curso ensinoume a tomar a iniciativa na predicación e a ensinar e coidar da congregación. Máis tarde ese mesmo ano, casei con Eugenia, a miña querida muller. Xuntos servimos como predicadores a tempo completo en Guatemala.

 Agora son moi feliz e xa non estou decepcionado coa miña vida. Poñer en práctica o que a Biblia ensina liberoume da inmoralidade sexual e da violencia. Ademais, deume unha vida chea de amor e de paz.

a Na actualidade, as testemuñas de Xehová adoitan usar o libro Que ensina realmente a Biblia? para dar cursos bíblicos.