”Un pequeno xesto de honradez”
Danielle, unha testemuña de Xehová de Suráfrica, atopou un maletín que alguén esquecera nunha cafetería. Dentro do maletín había unha carteira con cartos e tarxetas de crédito. Danielle estaba decidida a devolverlle o maletín ó seu dono, así que buscou unha dirección ou un número de teléfono, pero só atopou o nome dun home. Tentou contactar con el a través do banco pero non o conseguiu. Sen desanimarse, chamou a un número de teléfono que atopou nunha factura médica que estaba no maletín. A recepcionista que contestou á chamada dixo que lle daría ó dono do maletín o número de teléfono de Danielle.
O home sorprendeuse cando o chamaron da clínica e lle contaron que Danielle atopara o seu maletín e quería devolverllo. Cando chegou a recollelo, Danielle e o seu pai saudárono e contáronlle que fixeran todo o posible para dar con el. Explicáronlle que eran testemuñas de Xehová e trataban de vivir de acordo co que ensina a Biblia; e que esa era a razón pola que se esforzaban por seren honrados (Tito 2:10).
Ó cabo dunhas horas, o home mandoulles unha mensaxe a Danielle e ó seu pai para darlles as grazas outra vez por devolverlle o maletín e maila carteira. Escribiu: “Moito vos agradezo a voso esforzo por dardes comigo. Foi un pracer coñecervos. Lembrareivos con cariño por serdes tan agarimosos e amables. Como mostra da miña gratitude, gustaríame facervos unha doazón. Sei que vos esforzades por servir a Deus. O que fixestes demostra que sodes boas persoas, como se ve pola honradez e a integridade de Danielle. Así que, unha vez máis, grazas e que Deus bendiga o voso labor”.
Uns meses máis tarde, o pai de Danielle volveu falar con este home que lle contou o que lle pasara había pouco tempo. Namentres andaba de compras atopara unha carteira tirada no chan. Cando atopou a dona explicoulle porque lle devolvía a carteira. Era porque con el tamén fixeran o mesmo. Dixo: “Un pequeno xesto de honradez e amabilidade leva a outro. E iso fai que a vida de todos vaia moito mellor”.