Ir ó contido

Seguiron predicando durante a pandemia

Seguiron predicando durante a pandemia

 Durante a pandemia da COVID-19, os nosos irmáns tiveron que adaptar os métodos que se adoitan usar para falarlles a outros da animadora mensaxe da Biblia. En lugar de participar na predicación pública ou de casa en casa, compartiron a mensaxe sobre todo por teléfono e carta. a Moita xente agradece estes esforzos. É máis, a bendición de Xehová faise evidente (Proverbios 16:3, 4). Analicemos algunhas experiencias dun país insular.

 Antes da pandemia, Helen visitaba con regularidade a unha muller e tíñalle ofrecido estudar a Biblia con ela. A muller sempre lle dixo que non. Non obstante, o día antes do confinamento pola COVID-19, Helen deulle unha Biblia e o libro Que nos ensina a Biblia? Durante o confinamento, Helen volveu ofrecerlle un curso da Biblia e explicoulle que terían que facelo por teléfono. Nesta ocasión, a muller aceptou. Gustábanlle tanto as clases que deseguida lle pediu a Helen estudar tódolos días. Ademais comezou a asistir con regularidade ás reunións por teléfono. E non só iso, tamén está a falarlles a outros do que está aprendendo.

 Como parte da súa predicación, as testemuñas dunha congregación escribíronlle cartas á policía da súa localidade para agradecerlle o seu servizo. Os policías sorprendéronse ó ver as cartas. Un axente díxolle a Jefferson, un ancián da congregación: “Pensei que as testemuñas de Xehová estabades en contra da policía”, e Jefferson aclaroulle o malentendido. Gustoulles tanto o ton positivo das cartas que as colocaron na entrada da comisaría. Outro axente dixo: “Estas cartas poden axudarlles a outras persoas a ter unha actitude positiva cara nós”.

 Edna e Ednalyn son pioneiras regulares. b Como non teñen Internet na casa, non podían conectarse ás reunións por videoconferencia. Así que chamaron por teléfono a súa veciña, que non é testemuña de Xehová, para preguntarlle se podían usar a súa conexión wifi. Ademais ofrecéronse a contribuír cos gastos. A muller amablemente permitiulles conectarse de xeito gratuíto. Cando Edna e Ednalyn invitaron a súa veciña a unha das reunións, ela aceptou. Agora a veciña, a súa filla e dúas das súas netas, están estudando a Biblia coas testemuñas de Xehová e asisten con regularidade ás reunións.

 Uns irmáns invitaron os seus veciños, compañeiros de traballo e a outras persoas a un discurso público que se faría por videoconferencia. Ellaine, que traballa nun hospital da zona, dubidou se invitar os seus compañeiros. Pensou que algúns doutores poderían ter unha idea negativa sobre as testemuñas de Xehová. Aínda así, envioulles unha mensaxe de texto para convidalos. Especialmente tivo dúbidas no caso dun matrimonio de doutores. Pero logo de meditar no asunto e orar, decidiu enviarlles a invitación. A muller respondeulle: “Seica queres que me faga testemuña de Xehová?”. Ellaine explicoulle que todo o mundo podía asistir á reunión, non só as testemuñas. Ó día seguinte, a irmá levou unha sorpresa cando viu a esta parella conectada moi cedo! Ela conta: “Antes de que rematara a reunión, recibín unha mensaxe da doutora que dicía: ‘Esta foi a primeira vez que estiven nunha das vosas reunións. Estivo moi ben. Encantoume. Moitísimas grazas por invitarme’”.

Ellaine

 Ellaine estaba moi contenta porque 16 dos 20 doutores que convidou, asistiron á reunión. Lembrando as palabras do apóstolo Paulo, ela dixo: “Estou moi feliz porque tiven a coraxe para compartir as boas noticias cos meus compañeiros” (1 Tesalonicenses 2:2).

 A pandemia está sendo difícil para todos. Pero os nosos irmáns deste país insular e doutros lugares, foron capaces de manterse alegres e positivos ó facer todo o posible por axudar e consolar a outros (Feitos 20:35).

a Ó predicar, as testemuñas de Xehová seguen as leis de protección de datos do país no que viven.

b Os pioneiros son cristiáns que dedican gran parte do seu tempo a predicar.