Ir ó contido

Ofrecéronse de boa gana para ir a Güiana

Ofrecéronse de boa gana para ir a Güiana

 “Non é doado expresar con palabras a ledicia que un sente ó servir nun lugar onde se precisan máis predicadores!”. Isto é o que di Joshua, quen vive nos Estados Unidos e estivo servindo en Güiana. Neste país suramericano, moitas persoas desexan aprender o que ensina a Biblia. Outras testemuñas de Xehová que estiveron predicando en Güiana tamén comparten esa mesma ledicia. a Que podemos aprender do que viviron estes irmáns? Como che pode axudar a súa experiencia se tes o desexo de ir predicar a un país estranxeiro?

O motivo

Linel

 Antes de mudarse a Güiana, unha testemuña de Xehová dos Estados Unidos que se chama Linel, predicou nunha zona do seu país onde non se predicaba moi a miúdo. El di: “Fun cun grupo de vinte testemuñas de Xehová a predicar a unha zona rural de Virxinia Occidental”. E engade: “Estar alí predicando cos irmáns por dúas semanas cambióucheme a vida! Resolvinme a darlle o mellor de min a Xehová”.

Erica e Garth

 Garth e Erica, un matrimonio que devecía por predicar nun país estranxeiro, escolleron Güiana. Por que o fixeron? Erica di: “Coñeciamos un matrimonio que se mudara para alí”. E engade: “O seu entusiasmo e ledicia motivounos a mudarnos nós tamén”. Erica e Garth pasaron tres felices anos no que eles chaman “un querido labor”. Garth explica: “Gustamos o bo que é servir no estranxeiro e encantounos”. Pasado algún tempo foron ó Curso Bíblico Galaad, e agora están a servir en Bolivia.

Quen predica nun país estranxeiro a miúdo desfruta de ter boas conversas sobre o que a Biblia ensina

A preparación

 Os principios bíblicos anímannos a levar unha vida sinxela (Hebreos 13:5). Tamén nos animan a pararnos a pensar de antemán en como nos afectarán as decisións importantes que tomemos na vida (Lucas 14:26-33). De certo que mudarse a un país estranxeiro é unha desas decisións transcendentais! Garth di: “Antes de marchar para Güiana, Erica e mais eu simplificaramos a noso estilo de vida. Iso incluíu vender o noso negocio, a nosa casa e tódalas cousas que non necesitabamos. Levounos uns anos facer iso. Namentres, mantivemos o noso desexo de servir en Güiana tendo sempre na cabeza o noso obxectivo e viaxando cada ano a ese país”.

Sinead e Paul

 Outra cousa a ter en conta son os cartos. Os irmáns que se mudan onde se precisan máis predicadores poden traballar en terra estranxeira sempre que as leis llelo permitan. Hai quen emprega un ordenador para seguir co mesmo traballo que facía antes. Outros escollen volver ó seu país de orixe por un tempiño para traballar alí. Un matrimonio, Paul e Sinead, volvía a Irlanda unha vez ó ano para traballar. Iso permitiulles servir en Güiana por dezaoito felices anos, incluídos sete despois de nacer a súa meniña.

Christopher e Lorissa

 O Salmo 37:5 di: “ Encomenda ó Señor o teu porvir e confía nel, que El fará”. Christopher e Lorissa dos Estados Unidos oraban acotío sobre a súa meta de serviren nun país estranxeiro. Ademais, durante a súa adoración en familia, apuntaron os pros e os contras de mudarse e analizaron o que terían que facer para teren éxito. Como o asunto do idioma era importante para eles, escolleron Güiana xa que o inglés é a lingua oficial.

 Tamén tiveron en conta o principio bíblico de Proverbios 15:22: “Onde non se fai xuntanza malógranse os planos, pero cúmprense cos moitos conselleiros”. Escribiron á sucursal que supervisa a predicación en Güiana b para informar da súa dispoñibilidade e circunstancias. Preguntaron pola atención médica no país, o clima e os costumes locais. A sucursal respondeu as súas preguntas e púxoos en contacto cos anciáns dunha congregación da zona á que se ían mudar.

 Linel, do que xa falamos antes, agora é responsable de circuíto en Güiana. El tamén aplicou o principio de Proverbios 15:22 antes de se mudar para alí. Explica: “Ademais de aforrar para a viaxe, falei con outros que xa serviran nun país estranxeiro. Tamén o falei coa miña familia, cos anciáns da miña congregación e co noso responsable de circuíto. E tamén lin canto puiden atopar nas nosas publicacións sobre servir onde se precisan máis predicadores”.

Joseph e Christina

 Moitos dos que queren ir a outro país toman a decisión asisada de visitalo primeiro. Joseph e Christina contan: “A primeira vez que fomos a Güiana quedamos alí tres meses. Iso chegounos para ver como era a vida alí. Entón fomos á casa, arranxamos os nosos asuntos e mudámonos”.

Afacerse ós cambios

Joshua

 Para ter éxito ó servir no estranxeiro é preciso ter un espírito de sacrificio e adaptarse ás condicións e costumes locais. Por exemplo, quen se muda dende unha zona fría a unha zona tropical axiña descobre que existe unha morea de insectos. Joshua, citado antes, di: “Non che estaba afeito a tantos bichos”. E engade: “Todos parecían ser máis grandes en Güiana! Pero co tempo afíxenme a eles. Tamén me decatei de que podes manter os bichiños controlados tendo a casa ben limpa. Iso inclúe lavar a louza, sacar o lixo e limpar a casa con regularidade”.

 Afacerse a outro país tamén implica adaptarse a comidas novas e aprender a preparalas. “O meu compañeiro de piso e mais eu pedímoslles ós irmáns que nos axudasen a cociñar cos ingredientes locais”, lembra Joshua. E engade: “Despois de aprendermos a preparar un prato novo, invitamos algúns da congregación a comer connosco. Este tamén foi un xeito moi bo de coñecer os irmáns e facer amigos”.

Paul e Kathleen

 Paul e Kathleen lembran: “Tivemos que adaptarnos á forma de vestir e ós costumes dos trópicos. Así que, sen pasarmos por alto os principios bíblicos, tivemos que ser humildes e facer cambios. Isto achegounos ós irmáns e tivo un moi bo efecto na nosa predicación”.

Os beneficios

 Moitos senten o mesmo ca Joseph e Christina, que din: “As recompensas superan por moito os desafíos e dificultades. Ó saírmos da nosa zona de confort puidemos redefinir as nosas prioridades. Cousas que antes considerabamos moi importantes deixaron de ter tanto valor ós nosos ollos. Cada experiencia que tivemos motivounos a seguir dándolle a Xehová o mellor de nós. Chegamos a sentir moita satisfacción e ledicia”.

 Erica, mencionada antes, di: “Servir onde se precisan máis predicadores permitiunos ó meu home e mais a min aprender máis plenamente o que significa confiar en Xehová. Temos visto o Seu apoio de xeitos que nunca experimentaramos. E vivir cada nova experiencia un a carón do outro fortaleceu o noso matrimonio”.

a Podes atopar a historia das testemuñas de Xehová en Güiana no Anuario de los testigos de Jehová 2005.

b A sucursal de Trinidad e Tobago supervisa o labor de predicación en Güiana.