Decidimos simplificar a nosa vida
Madián e Marcela vivían moi ben en Medellín (Colombia). Madián gañaba ben e podían vivir nun apartamento no que tiñan de todo. Pero houbo algo que lles fixo reordenar as súas prioridades como servos de Deus. Eles contan: “No ano 2006 asistimos ó congreso de circuíto ‘Mantengamos el ojo sencillo’. Moitas das conferencias salientaron a necesidade de simplificar a vida para servir a Deus máis plenamente”. E engaden: “Ó saírmos do congreso, decatámonos de que nós estabamos a facer todo o contrario. Eramos compradores compulsivos e tiñamos un lote de débedas”.
As conferencias daquel congreso abríronlles os ollos e comezaron a simplificar a súa vida. Madián e Marcela din: “Comezamos por deixar de gastar tantos cartos”. E engaden: “Mudámonos a un apartamento máis pequeno, vendimos o coche e mercamos unha moto”. Tamén deixaron de ir a centros comerciais para así non teren a tentación de seguir mercando sen pensar. Comezaron a pasar máis tempo falando da Biblia coa xente da súa zona e a xuntarse cuns amigos que servían con entusiasmo a Xehová como pioneiros especiais. a
Axiña Madián e Marcela decidiron aumentar o tempo que dedicaban á predicación, así que se trasladaron a unha pequena congregación rural que precisaba axuda. Para poderen dar este paso, Madián deixou o traballo que tiña. A súa encargada pensou que toleara, pero Madián axudoulle a entender a súa decisión dicíndolle: “Gañas moitos cartos pero, es feliz?” Ela admitiu que non o era porque tiña moitos problemas que non podía resolver. Entón, Madián díxolle: “Daquela, o que en realidade conta non é cantos cartos gañes, senón o que de verdade te fai feliz. Ensinarlles a outros sobre Deus fai que a miña muller e mais eu sexamos felices. E queremos ser inda máis felices dedicando máis tempo a este labor”.
Madián e Marcela atoparon verdadeira satisfacción e felicidade ó procuraren poñer a Deus en primeiro lugar na súa vida. Nos últimos 13 anos serviron en congregacións do noroeste de Colombia que precisan axuda. E agora desfrutan do privilexio de servir a Deus como pioneiros especiais.
a Os pioneiros especiais son nomeados pola sucursal local das Testemuñas de Xehová para predicaren a mensaxe da Biblia a tempo completo en lugares específicos. Reciben unha pequena axuda económica para cubrir os gastos básicos.