Xehová salvounos a vida
No ano 2005, unha muller da India chamada Sowbhagya, perdeu o seu marido na morte. El sempre coidou con moito cariño dela e de Meghana, a súa filla de 3 anos. Agora Sowbhagya loitaba por chegar a fin de mes.
Por se fose pouco, Sowbhagya deuse conta de que outras persoas a desprezaban. A súa familia tratábanas a ela e a súa filla coma se fosen mendigas, e sempre lle andaban dicindo que eran unha carga. En busca de consolo, Sowbhagya comezou a asistir a unha igrexa da zona, pero como era pobre, a xente daquela parroquia tampouco a trataba ben. Para manterse economicamente, Sowbhagya púxose a buscar traballo. Aínda que se esforzou moito, non puido atopar ningún.
Sowbhagya di: “Sentíame sen esperanza, así que pensei que o mellor era acabar coa miña vida. Entón deime conta de que a miña filla tería moitos problemas cando eu non estivese. Así que decidín acabar coa miña vida e tamén coa da miña filla”. Sowbhagya sentíase inútil e pensaba que ninguén a quería, polo que saíu a mercar veleno.
Mentres ía para casa no tren, unha testemuña de Xehová chamada Elizabeth achegouse e comezou a falar con ela. Sowbhagya explicoulle que non tiña traballo, polo que Elizabeth ofreceuse para axudarlle a atopar un. A irmá tamén lle dixo que ía camiño dun curso da Biblia. Isto sorprendeu moito a Sowbhagya. Por que? Porque aínda que visitara moitas igrexas, nunca escoitara falar de estudar a Biblia. Elizabeth invitou a Sowbhagya a visitala para saber máis sobre os cursos da Biblia.
Cando Sowbhagya chegou á casa, aínda estaba pensando no suicidio. Pero como un familiar levara a Meghana de viaxe, decidiu esperar ata que volvese a súa filla para seguir adiante co seu plan.
Mentres tanto foi visitar a Elizabeth, quen a recibiu con moito cariño. Durante a visita Elizabeth ensinoulle o libro Que ensina realmente a Biblia? Xa que había pouco que seu home morrera, Sowbhagya foi directa ó capítulo “Onde están os mortos?”. Ese mesmo día comezou un curso da Biblia.
Elizabeth invitou a Sowbhagya a un congreso rexional que tería lugar a semana seguinte e ela aceptou. A Sowbhagya motivouna tanto o programa que decidiu que quería chegar a ser testemuña de Xehová. Ademais, ó volver do congreso, ofrecéronlle un traballo.
Sowbhagya seguiu estudando a Biblia. En lugar de querer acabar coa súa vida, agora tiña un motivo para vivir. Co tempo, Sowbhagya bautizouse e, algo despois, tamén o fixo Meghana. Hoxe en día as dúas serven como pioneiras regulares e Meghana colabora como voluntaria remota para unha oficina de tradución na India.
Que agradecidas están nai e filla de que Elizabeth se achegase a Sowbhagya no tren e lle falase da verdade con tanto cariño! E aínda llo agradecen moito máis a Xehová. Meghana explica: “Estariamos baixo terra se non fose por ter aprendido a verdade aquel día. Agora somos moi felices. Tanto miña nai coma min estamos desexando que chegue o día no que poidamos abrazar o meu pai outra vez, ensinarlle a verdade e contarlle como Xehová nos salvou a vida”.