Servindo a Xehová en Venezuela durante tempos difíciles
Nos últimos anos Venezuela experimentou unha crise social e económica sen precedentes. Unha testemuña de Xehová chamada Edgar di: “En poucos anos, o nivel de vida descendeu tanto que parecía que nos cambiaramos a outro país sen sequera saír da nosa casa!”.
Que lle axudou a Edgar a adaptarse? El comenta: “Miña muller Carmen e máis eu pensamos no exemplo de misioneiros que se trasladaron a outro país con recursos máis limitados e aprenderon a vivir incluso sen os servizos máis básicos. Iso impulsounos a simplificar a nosa vida e asumir novos desafíos como o de cultivar a nosa propia comida”.
Pero Edgar e Carmen fixeron aínda máis. Esforzáronse por animar a outros servos fieis, especialmente a aqueles que estaban máis desanimados (1 Tesalonicenses 5:11, TNM). Edgar engade: “Máis que só consolalos, intentamos animalos a sentir a alegría de axudar a outros” (Feitos 20:35).
Os esforzos na predicación obteñen recompensas
Ó comezo da pandemia da COVID-19, Argenis decidiu predicarlles ós seus familiares. Algúns deles aceptaron estudar a Biblia por teléfono.
Pero Argenis tamén quería que os seus familiares que non teñen acceso a Internet puidesen desfrutar do programa do Congreso Rexional do ano 2020. Unha testemuña dunha cidade veciña deulles as gravacións do programa en formato dixital, así que a familia de Argenis pediu prestada unha televisión grande e uns altofalantes. O irmán chamábaos antes de comezar o programa para facer unha oración con eles. Grazas ó gran esforzo de Argenis, catro dos seus familiares e outras quince persoas puideron asistir ó congreso.
Motivados pola fe e o amor
Un matrimonio chamado Jairo e Johana son os únicos que teñen coche na súa congregación, así que o usan con xenerosidade para axudar a outros. Un dos desafíos que afrontan é o escaso abastecemento de gasolina. Jairo di: “Pasamos moitas horas, ás veces toda a noite, facendo cola para botarlle combustible ó coche”.
Jairo sente que os seus esforzos para axudar a outros pagan a pena. El comenta: “Cando lles levamos provisións ós irmáns, danlle as grazas a Xehová e non a nós. Iso alégranos moito, xa que é Deus quen nos dá a todos o que necesitamos” (2 Corintios 9:11, 14, TNM).
Todos poden axudar
Unha irmá con case 30 anos chamada Norianni tiña medo de que outros pensaran que era demasiado nova para axudarlles ós demais. Pero entón leu o seguinte en 1 Timoteo 4:12: “Que ninguén faga pouco de ti por seres tan novo. Ti faite exemplo dos que cren”.
Este texto impulsou a Norianni a dedicarlles máis tempo ós irmáns maiores da súa congregación. Axudáballes coa predicación por carta e invitábaos a acompañala ós seus cursos bíblicos. Tamén os chamaba e lles mandaba mensaxes de texto. Norianni di: “Xehová ensinoume a que podo facer moito”.
Os nosos irmáns en Venezuela pasan por moitos desafíos nestes tempos difíciles. A pesar diso, seguen predicando con entusiasmo e son unha fonte de gran consolo uns para os outros (Colosenses 4:11, TNM; 2 Timoteo 4:2).