Oracións dende un carballo
“Nacín nunha familia que servía a Xehová”, di Rachel que agora vive na República Dominicana. “Por desgraza, cando tiña 7 anos meu pai deixou a verdade e converteuse nun opositor violento. De feito, púxome as cousas moi difíciles para servir a Xehová. Por exemplo, ás veces ofrecíame cousas coma un teléfono móbil, unha viaxe a Disneyland ou incluso unha tarxeta de crédito se deixaba de servir a Deus. E noutras ocasións, pegábame para intentar que eu abandonase a Xehová. El tiña o costume de dicir que se non podía camiñar ou falar, non podería ir ás reunións. Pero nunca funcionou. Eu sempre estiven decidida a non faltar ás reunións”.
“Meu pai asegurábase de non pegarme cando estaba miña nai diante. Dicíame que me faría dano se lle contaba a mamá o das malleiras. Adoitaba poñer escusas polas mazaduras que eu tiña dicindo que eran dos adestramentos de artes marciais que el me daba”.
“Como era moi nova e tiña moito medo para falar coa miña nai, falaba con Xehová. Gustábame pasear polo bosque que había detrás da nosa casa en Maryland (Os Estados Unidos). Nese bosque había un carballo que me encantaba, así que me subía a unha rama cómoda e resistente e dende alí oráballe a Xehová. Faláballe de como me sentía e do que faría por el no futuro, sempre e cando me axudase a seguir viva! Tamén lle contaba o que me gustaría facer no novo mundo, a familia que me gustaría ter e a tranquilidade coa que viviría sen dores nin medo”.
“Cando meu pai me intentaba separar de Deus coas malleiras e cos subornos, eu sempre sentía que Xehová me consolaba e me daba forzas. Deus axudoume a manterme leal”.
“Bauticeime cando tiña 10 anos e comecei o servizo de pioneira dous anos despois. Ó principio, meu pai non sabía nada disto. Pero cando o descubriu dislocoume a mandíbula dun golpe“.
“Algúns aconselláronme que deixase de ser pioneira porque era moi nova e pensaban que non entendía o seria que era aquela decisión. Co tempo vin a moitos rapaces da miña zona que non tiñan ningunha meta espiritual; sempre andaban de festa e pasándoo ben. Recoñezo que iso me chamaba a atención! Ás veces preguntábame: ‘Por que non deixo de predicar tanto e fago máis por divertirme, coma o resto dos rapaces?’. Pero cando me sentía así, falaba con Xehová”.
“Cando tiña uns 15 anos, unha axencia de modelos contactou comigo. Ofrecéronme un contrato moi bo no que me pagarían moitos cartos se traballaba con eles nas súas oficinas de Milán (Italia). Gustábame moito a idea de ser modelo, aparecer nas revistas, levar roupa cara e desfilar nas pasarelas. Levaba tres anos como pioneira e imaxinaba que ese traballo me axudaría a gañar suficientes cartos para seguir servindo a tempo completo durante moito tempo. Ademais, meu pai deixáranos, así que pensaba que aqueles cartos servirían para axudarlle á miña nai cos gastos na casa”.
“Orei sobre este asunto. Falei coa miña nai, que tamén fora pioneira moitos anos, e tamén cun ancián ó que eu respectaba moito. Ademais, coma de costume, fun ó meu carballo e volvín facer oración. Xehová respondeume a través dun versículo da Biblia que me leu aquel ancián. Era Eclesiastés 5:3 (5:4, TNM), que di: ‘Se fas unha promesa a Deus non te demores en cumprila. [...] O que prometiches, ¡cúmpreo!’. Eu prometera servir a Xehová ó máximo e tiña medo de que aquel emprego afectase á miña relación con Xehová. Por iso decidín rechazar aquela oferta”.
“A pesar de todo o que pasei de pequena, sobrevivín ata a idade adulta. Agora vivo feliz co meu home, Jaser, e con Connor, o noso fillo de 9 anos. Jaser é ancián e Connor é publicador sen bautizar. Eu levo no servizo a tempo completo case vinte e sete anos”.
“A miúdo penso nas longas conversacións que tiña con Xehová dende aquel carballo que había no bosque detrás da nosa casa. Supliqueille a Xehová que me axudase, e vaia se o fixo! Xehová deume forzas, consoloume e guioume. Ó longo de toda a miña vida, Xehová demostroume unha e outra vez que é un Pai marabilloso. Estou moi feliz de ter decidido servilo de todo corazón. Sen dúbida, foi a mellor decisión da miña vida”.