Por que as testemuñas de Xehová non celebran os cumpreanos?
As testemuñas de Xehová non celebramos os cumpreanos ou aniversarios de nacemento porque cremos que estas celebracións non lle agradan a Deus. Aínda que a Biblia non prohibe explicitamente os cumpreanos, si nos dá algunhas claves que nos axudan a ver que pensa Deus destas celebracións. Vexamos catro destas claves e os principios bíblicos relacionados.
A celebración do nacemento ten raíces pagás. Segundo un dicionario enciclopédico, estas celebracións orixináronse na crenza de que no cumpreanos dunha persoa “os espíritos malos e poderes malignos teñen a oportunidade de atacar a quen o celebra”, e que “a presenza de amigos e as expresións de boa sorte axudan a protexelo” (Funk & Wagnalls Standard Dictionary of Folklore, Mythology, and Legend). Outra obra de consulta indica que antigamente se levaba un rexistro das datas de nacemento, xa que era “esencial para facer un horóscopo” baseado na “ciencia mística da astroloxía”. Este mesmo libro di que “segundo a crenza popular as candeas de cumpreanos teñen un poder máxico para que se cumpran os desexos” (The Lore of Birthdays).
Non obstante, a Biblia condena practicar a maxia, a adiviñación, o espiritismo e cousas similares (Deuteronomio 18:14; Gálatas 5:19-21). De feito, unha das razóns pola que Deus condenou a antiga cidade de Babilonia foi que os seus habitantes practicaban a astroloxía, unha forma de adiviñación (Isaías 47:11-15). Isto non significa que as testemuñas de Xehová esteamos a investigar as orixes de tódolos costumes, pero cando a Biblia contén indicacións tan claras non podemos ignoralas.
Os primeiros cristiáns non celebraban os cumpreanos. Unha enciclopedia indica que “consideraban os cumpreanos como un costume pagán” (The World Book Encyclopedia). A Biblia mostra que os apóstolos e outros discípulos de Xesús estableceron o modelo que tódolos cristiáns debemos seguir (2a Tesalonicenses 3:6).
A única ocasión que se lles manda celebrar ós cristiáns non ten que ver cun nacemento, senón cunha morte, a de Xesús (Lucas 22:17-20). Isto non sorprende, xa que a Biblia di que é mellor “o día da morte có dia de nacer” (Eclesiastés 7:1). Cando chegaba o final da súa vida na Terra, Xesús fixérase un bo nome ante Deus, polo que o día da súa morte foi máis importante có do seu nacemento (Hebreos 1:4).
A Biblia non menciona ningún servo de Deus que celebrase os cumpreanos. Non se trata dun erro, xa que na Biblia aparecen rexistrados dous cumpreanos de persoas que non servían a Deus. Non obstante, en ambos casos fálase negativamente destas celebracións (Xénese 40:20-22; Marcos 6:21-29).
Sentirán os fillos de testemuñas de Xehová que se están a perder algo por non celebrar os cumpreanos?
Como tódolos bos pais, as testemuñas de Xehová demóstranlles ós seus pequenos canto os queren durante todo o ano tanto facéndolles regalos coma organizándolles festas cos seus amigos. Esfórzanse por seguir o exemplo perfecto que nos deixou Deus, quen dá cousas boas ós seus fillos en todo momento (Mateo 7:11). Os fillos das testemuñas de Xehová non senten que se estean a perder algo, tal e como mostran os seguintes comentarios:
“É máis divertido que che dean un regalo cando non o esperas” (Tammy, 12 anos).
“Aínda que non me regalan nada polo meu cumpreanos, meus pais danme regalos outros días. Gústame moito que o fagan, porque me encantan as sorpresas” (Gregory, 11 anos).
“Se pensas que unha festa son dez minutos, unhas larpeiradas e unha canción, terías que vir á miña casa para ver como é unha festa de verdade!” (Eric, 6 anos).