Como financian a súa obra as Testemuñas de Xehová?
A nosa obra finánciase principalmente coas doazóns voluntarias que fan as testemuñas de Xehová. a Temos caixas de contribucións nas nosas Salas de Reunións, e tamén se poden consultar outros xeitos de facer donativos na nosa páxina de Doazóns. Hai opcións diferentes para que cadaquén decida se quere facer unha doazón para axudar cos gastos locais, apoiar a nosa obra polo mundo, ou ámbalas dúas.
As testemuñas de Xehová non temos que pagar o décimo nin doar unha cantidade ou porcentaxe específica do que gañamos (2 Corintios 9:7). A entrada ás nosas reunións é gratuíta e nunca se fan colectas. Non lles cobramos ás persoas polos bautismos, os funerais, as vodas ou outros servizos relixiosos. Tampouco recadamos cartos vendendo doces, organizando xogos de bingo, procesións e desfiles, feiras, ceas, rifas ou eventos parecidos. Os datos das persoas que fan as doazóns nunca se comparten nin se dan a coñecer (Mateo 6:2-4). Os nosos sitios web e publicacións non conteñen publicidade nin anuncios con fins comerciais.
Tódolos meses, cada congregación das testemuñas de Xehová presenta informes contables nas súas reunións, ás cales pode asistir todo o mundo. Ademais, faise unha auditoría da contabilidade de cada congregación de maneira regular para asegurarnos de que as doazóns se estean a usar do xeito correcto (2 Corintios 8:20, 21).
Formas de facer unha doazón
Caixas de contribucións. Podes facer donativos mediante cheques ou cartos en efectivo nas caixas de contribucións das Salas de Reunións, Salas de Congresos e outros lugares onde se celebran as nosas reunións.
Donativos por Internet. En moitos países, podes usar a páxina “Realizar unha doazón ás Testemuñas de Xehová” para facer donativos mediante tarxetas de crédito ou débito, transferencias bancarias e outros métodos electrónicos. b Algunhas testemuñas de Xehová deciden usar estes métodos para programar doazóns mensuais de maneira automática. Deste xeito, seguen o consello da Biblia de que “cada un vaia xuntando na súa casa o que poida aforrar” (1 Corintios 16:2).
Doazóns planificadas. Algúns xeitos de facer doazóns requiren boa planificación e asesoramento legal, de maneira que poidas beneficiarte das vantaxes fiscais do teu país. A moitas persoas foilles útil informarse ben sobre as doazóns que se poden facer en vida ou despois de falecer. Contacta coa sucursal das Testemuñas de Xehová da túa zona para obter máis detalles se desexas facer unha doazón relacionada con:
contas bancarias
seguros de vida ou fondos de pensións
bens inmobles
accións e bonos
testamentos e fideicomisos
Para máis información sobre as formas de facer unha doazón dispoñibles na túa zona, podes ver a páxina “Realizar unha doazón ás Testemuñas de Xehová”.
a Algunhas persoas que non son testemuñas de Xehová tamén desexan apoiar o noso labor.
b Para máis información podes ver o vídeo Como facer donativos por Internet.