Que pensan dos funerais as testemuñas de Xehová?
As testemuñas de Xehová baseamos as nosas opinións e prácticas funerarias en ensinanzas bíblicas coma as seguintes:
É normal estar triste pola morte dun ser querido. Os discípulos de Xesús choraron a morte dos seus seres queridos (Xoán 11:33-35, 38; Feitos 8:2; 9:39). Para nós un funeral non é unha ocasión festiva (Eclesiastés 3:1, 4; 7:1-4). Máis ben, vémolo como un momento para demostrar empatía (Romanos 12:15).
Os mortos están inconscientes. Sexa cal sexa a nosa raza ou cultura, non participamos en nada que se basee na crenza non bíblica de que o morto está consciente e pode influír dalgún xeito nos vivos (Eclesiastés 9: 5, 6, 10). Por iso nin intentamos comunicarnos cos mortos, nin lles facemos ofrendas ou peticións. Tampouco celebramos funerais ostentosos, cabodanos ou ritos de viuvez. Evitamos estes costumes porque a Biblia di que non toquemos o que “é impuro” (2 Corintios 6:17).
Hai esperanza para quen morreu. A Biblia ensina que chegará o día no que os mortos resucitarán, e a morte xa non existirá (Feitos 24:15; Apocalipse 21:4). Tal como axudou ós primeiros cristiáns, esta esperanza axúdanos a evitar prácticas que levan a dó ó extremo (1 Tesalonicenses 4:13).
A Biblia aconsella que sexamos modestos. (Proverbios 11:2). Non pensamos que un funeral sexa unha ocasión para chamar a atención sobre a nosa posición social ou nivel económico (1 Xoán 2:16). Así que non organizamos funerais ostentosos nin empregamos cadaleitos excesivamente caros. Nesas ocasións tampouco nos vestimos para impresionar os presentes.
Non impoñemos ós demais as nosas crenzas sobre os funerais. Seguimos este consello da Biblia: “Cada un de nós dará conta de si a Deus” (Romanos 14:12). Así a todo, de ter a oportunidade, explicamos as nosas crenzas con “bo xeito e respecto” (1 Pedro 3:16 [3:15, NM]).
Como son os funerais que celebramos?
O lugar. Se a familia opta por organizar un funeral, este poderase celebrar onde eles escollan: na Sala de Reunións, no tanatorio, na casa, no crematorio ou no cemiterio.
O funeral. Para consolar a familia e os achegados, preséntase unha conferencia baseada no que a Biblia ensina sobre a morte e a esperanza da resurrección (Xoán 11:25; Romanos 5:12; 2 Pedro 3:13). Durante a conferencia, pódense recordar os aspectos positivos da personalidade do falecido, talvez destacando o que podemos aprender do seu exemplo de fe (2 Samuel 1:17-27).
Como parte do funeral, ás veces cántase unha canción baseada na Biblia (Colosenses 3:16). O servizo relixioso conclúe cunha oración para confortar os presentes (Filipenses 4:6, 7).
Custo do servizo relixioso ou colectas. Non cobramos por ningún servizo relixioso, incluídos os funerais. Nas nosas reunións nunca facemos colectas (Mateo 10:8).
Asistencia. Tódalas persoas que desexen asistir a un funeral nunha Sala de Reunións son benvidas, sexan ou non testemuñas de Xehová. Igual có resto das nosas reunións, os funerais están abertos ó público.
Asistimos a funerais doutras relixións?
Cada testemuña de Xehová debe decidir por si mesma en conformidade co que ensina a Biblia (1 Timoteo 1:19). Con todo, non participamos en cerimonias relixiosas que, ó noso entender, non harmonizan coas ensinanzas bíblicas (2 Corintios 6:14-17).