Ir ó contido

Que preparación reciben as testemuñas de Xehová para predicar?

Que preparación reciben as testemuñas de Xehová para predicar?

 As testemuñas de Xehová recibimos formación continua en tódolos aspectos da nosa vida como cristiáns, o que inclúe a predicación. Esta foi a obra que Xesús mandou facer ós seus discípulos: predicar e ensinar as boas noticias do Reino de Deus (Mateo 24:14; 28:19, 20). Recibimos esa formación nas nosas reunións semanais e nos congresos que temos cada ano. Ademais as testemuñas de Xehová que teñen outras responsabilidades dentro da congregación ou na organización, reciben formación bíblica específica.

Neste artigo imos ver:

 Que preparación reciben as testemuñas de Xehová?

 Reunións de congregación. Cada semana asistimos a dúas reunións nos Salóns do Reino, os lugares onde adoramos a Deus. Unha reunión facémola normalmente entre semana e a outra a fin de semana. Todo o mundo pode asistir e non se fan colectas.

  •   Reunión de entre semana. Aprendemos a mellorar a nosa lectura, a saber conversar, a falar en público e tamén a predicar e ensinar. A preparación inclúe discursos, intervencións con preguntas e respostas, escenificacións e vídeos. Esta formación axúdanos a ser máis eficaces ó compartir con outros a mensaxe da Palabra de Deus e dar cursos da Biblia cos que estean interesados en coñecela. Tódolos que asistan a esta reunión beneficiaranse dela e, sobre todo, farán máis forte a súa fe e amor por Deus e polos seus compañeiros de crenzas.

  •   Reunión da fin de semana. Esta reunión comeza cunha conferencia bíblica pensada, en especial, para persoas que non son testemuñas de Xehová. A segunda parte da reunión é unha intervención con preguntas e respostas baseada nun artigo da edición de estudo da revista A Atalaia. a Estes artigos analizan temas e principios bíblicos que nos axudan tanto na predicación coma na nosa vida persoal.

 Congresos de circuíto e rexionais. Cada ano xuntámonos en tres grandes reunións onde asisten moitas congregacións. Trátase de ocasións alegres nas que hai conferencias, escenificacións, entrevistas e vídeos que se centran nun tema bíblico. Igual que ocorre coas reunións, os congresos tamén nos axudan a coñecer mellor a Biblia e a ser máis eficaces na predicación das boas noticias. Nestas ocasións tamén pode asistir todo o mundo e non se fan colectas.

 Cursos para testemuñas de Xehová baseados na Biblia

 Para unha formación máis avanzada, invítase a algunhas testemuñas de Xehová a asistir a outros cursos baseados na Biblia. Que son estes cursos? Para que serven, canto duran e quen pode ir?

Curso para pioneiros

  •   Obxectivo: Formar servos a tempo completo, chamados pioneiros, b para predicar e ensinar mellor. O curso inclúe a análise de distintos temas coa clase, escenificacións, discursos e talleres.

  •   Duración: Seis días.

  •   Quen pode asistir?: Invítase a asistir ás testemuñas de Xehová que completen o seu primeiro ano como pioneiros. Ademais, tamén se invita a aqueles pioneiros con máis experiencia que non asistisen nos últimos cinco anos a este curso.


Curso para Evanxelizadores do Reino

  •   Obxectivo: Dar formación especializada a servos de tempo completo con experiencia. Os estudantes melloran as súas aptitudes para predicar e ensinar. Tamén estudan temas bíblicos en profundidade. Moitos graduados son invitados a zonas onde se necesita máis axuda para predicar.

  •   Duración: Dous meses.

  •   Quen pode asistir?: Os pioneiros poden solicitar asistir a este curso se cumpren certos requisitos e as súas circunstancias lles permiten servir en calquera lugar que haxa necesidade.


Curso para Anciáns de Congregación

  •   Obxectivo: Axudar ós anciáns c a cumprir coas súas responsabilidades na congregación, como ensinar, pastorear e aumentar o seu amor por Deus e polos seus irmáns na fe (1 Pedro 5:2, 3).

  •   Duración: Cinco días.

  •   Quen pode asistir?: Invítase a asistir ós anciáns nomeados recentemente, así como ós que teñen máis experiencia que non asistisen a este curso nos últimos cinco anos.


Curso para Superintendentes de Circuíto e as súas Mulleres

  •   Obxectivo: Capacitar os superintendentes de circuíto d para que poidan atender máis eficazmente as súas responsabilidades (1 Timoteo 5:17). O curso tamén axuda a estes anciáns cristiáns e ás súas mulleres a comprender mellor a Biblia.

  •   Duración: Un mes.

  •   Quen pode asistir?: Están invitados os novos superintendentes de circuíto e as súas mulleres que leven un ano na súa asignación. Despois, son invitados cada cinco anos.


Curso do Ministerio do Reino

  •   Obxectivo: Axudar ós anciáns e servos ministeriais e a atender as súas responsabilidades na congregación tendo en conta as circunstancias, tendencias e necesidades do momento (2 Timoteo 3:1). Este curso organízase cada poucos anos.

  •   Duración: Polo xeral, un día, pero pode variar.

  •   Quen pode asistir?: Superintendentes de circuíto, anciáns e servos ministeriais.


Curso do Servizo de Betel

  •   Obxectivo: Axudar ós membros de Betel f a realizar o seu traballo eficazmente e a incrementar o seu amor por Deus e polos seus compañeiros.

  •   Duración: Cinco días e medio.

  •   Quen pode asistir?: Tódolos novos membros de Betel teñen que asistir. Tamén se pode invitar a membros que leven máis tempo e que non asistisen nos últimos cinco anos.


Curso Bíblico de Galaad da Watchtower

  •   Obxectivo: Fomentar nos estudantes un amor máis profundo pola Palabra de Deus e axudarlles a aplicar o que aprenden (1 Tesalonicenses 2:13). Os homes e mulleres espiritualmente maduros que asisten a Galaad chegan a ser máis útiles para a organización de Xehová e para o labor mundial de educación bíblica. Os graduados poden ser asignados a axudar nunha congregación ou a unha sucursal, tanto no seu país de orixe coma noutro país.

  •   Duración: Cinco meses.

  •   Quen pode asistir?: As sucursais invitan a algúns servos de tempo completo a encher a solicitude. O curso ten lugar nos Estados Unidos, no Centro Educativo Watchtower en Patterson (Nova York).


Curso para Membros de Comité de Sucursal e as súas Mulleres

  •   Obxectivo: Capacitar a membros de Comité de Sucursal g para supervisar o traballo e tamén as actividades espirituais das testemuñas de Xehová do país ou países que atende esa sucursal.

  •   Duración: Dous meses.

  •   Quen pode asistir?: A sede central das Testemuñas de Xehová invita a algúns membros de Comité de Sucursal e as súas mulleres. O curso ten lugar no Centro Educativo Watchtower en Patterson (Nova York).

 En que se basea a formación que reciben as testemuñas?

 Na Biblia, que sempre é o libro de texto principal para a formación das testemuñas de Xehová. Cremos que a Biblia está inspirada por Deus e que contén as mellores ensinanzas para tódolos aspectos da vida dun cristián (2 Timoteo 3:16, 17).

 Teñen que pagar por esa formación as testemuñas de Xehová?

 Non. A formación é gratuíta. As actividades das testemuñas de Xehová realízanse grazas ás doazóns voluntarias (2 Corintios 9:7).

a A Biblia e as nosas axudas para estudala, incluíndo os vídeos, están dispoñibles na nosa páxina web, jw.org.

b Un pioneiro é unha testemuña de Xehová, tanto home como muller, que está bautizada, é exemplar e ten o obxectivo de dedicar certo número de horas a compartir a mensaxe da Biblia cos demais.

c Os anciáns son homes cristiáns maduros que ensinan coa Biblia e pastorean o pobo de Xehová dándolles axuda e ánimo. Non se lles paga por facer este labor.

d Un superintendente de circuíto é un servo a tempo completo que visita un grupo de diferentes congregacións, chamado circuíto. Cada semana visita unha congregación e anima os seus irmáns e irmás espirituais con discursos baseados na Biblia e acompañándoos na predicación.

e Os servos ministeriais fan moitas tarefas para os seus irmáns e irmás. Isto permite que os anciáns teñan máis tempo para ensinar e pastorear.

f Betel é o nome que teñen as sucursais das testemuñas de Xehová. Os servos a tempo completo que serven alí dedícanse a apoiar as actividades das testemuñas de Xehová no territorio que atende a sucursal.

g Un Comité de Sucursal está composto por tres ou máis homes espiritualmente maduros.