Que pensan da ciencia as testemuñas de Xehová?
As testemuñas de Xehová respectamos os logros científicos e confiamos nos descubrimentos realizados pola ciencia que estean baseados en probas sólidas.
O Dicionario da Real Academia Galega define ciencia como o “conxunto dos sistemas de coñecemento con obxecto e métodos de estudo determinados e baseados en leis obxectivas que se poden verificar”. Aínda que a Biblia non é un libro de ciencia, anímanos a investigar a natureza e a beneficiarnos dos avances científicos. Vexamos algúns exemplos:
Astronomía. “Levantade os vosos ollos ó alto, ollade: ¿Quen fixo esas cousas? O que fai saír con orde o exército celeste, e a todo el o chama polo nome” (Isaías 40:26).
Bioloxía. Salomón “disertou sobre as árbores, desde o cedro do Líbano ata a herba sagrada que medra nas paredes, acerca dos animais e das aves, dos reptís e dos peixes” (1 Reis 5:13 [4:33, NM]).
Medicina. “Non son os sans, senón os enfermos, os que precisan médico” (Lucas 5:31).
Meteoroloxía. “¿Achegácheste ós celeiros da neve, axexaches nos piornos da sarabia [...]? ¿Onde se esparexe o soán pola terra?” (Xob 38:22-24).
As nosas publicacións fomentan o respecto pola ciencia con artigos sobre natureza e logros científicos. As testemuñas de Xehová queren que os seus fillos reciban formación académica para que entendan mellor o mundo que os rodea. Moitas testemuñas de Xehová traballan en campos relacionados coa ciencia, como a bioquímica, as matemáticas e a física.
As limitacións da ciencia
As testemuñas de Xehová non pensamos que a ciencia ten a resposta a tódalas preguntas. a Por exemplo, os xeólogos analizan os materiais que compoñen a Terra e os biólogos estudan o funcionamento do corpo humano. Agora ben, por que a Terra está tan ben preparada para albergar vida? Por que o corpo humano funciona con tanta precisión?
Nós chegamos á conclusión de que só a Biblia ofrece respostas satisfactorias a estas preguntas (Salmo 139:13-16; Isaías 45:18). Polo tanto, cremos que unha boa formación inclúe aprender tanto da ciencia como da Biblia.
Ás veces, pode parecer que a ciencia contradí a Biblia. Non obstante, estas aparentes contradicións débense a unha interpretación errónea das ensinanzas bíblicas. Por exemplo, a Biblia non ensina que a Terra foi creada en seis días de 24 horas (Xénese 1:1; 2:4).
Algúns científicos moi respectados rexeitan teorías amplamente recoñecidas que non se basean en probas sólidas. Por exemplo, xa que a natureza evidencia un deseño intelixente, as testemuñas de Xehová concordamos coa opinión de moitos biólogos, químicos e outros científicos que chegaron á conclusión de que os seres vivos non evolucionaron mediante un proceso de mutacións aleatorias e selección natural.
a Erwin Schrödinger, un físico austríaco gañador do Premio Nobel, escribiu que a ciencia “é horriblemente muda acerca de todas e cada unha das cousas que están realmente cerca do noso corazón, que realmente nos interesan”. E Albert Einstein comentou: “A dolorosa experiencia humana ensinounos que o pensamento racional non abonda para solucionar os problemas da sociedade”.