Que debo facer para ser testemuña de Xehová?
En Mateo 28:19, 20, Xesús di que pasos deben darse para sermos testemuñas de Xehová. Unha das cousas que di esta pasaxe da Biblia é que, para converternos en discípulos de Cristo, debemos falar, ou dar testemuño, de Xehová.
Paso 1. Aprender o que ensina a Biblia. Xesús mandou os seus seguidores a facer discípulos e ensinarlles (Mateo 28:19, 20). A palabra traducida como “discípulo” significa literalmente “aprendiz”. A Biblia, especialmente as ensinanzas de Xesús que atopamos na mesma, contén a información que precisamos para ter unha vida feliz e plena (2 Timoteo 3:16, 17). Estaremos encantados de ensinarche o que di a Biblia mediante un curso gratuíto (Mateo 10:7, 8; 1 Tesalonicenses 2:13).
Paso 2. Poñer en práctica o aprendido. Xesús dixo que ademais de aprender, tamén debemos poñer en práctica todo canto el nos mandou (Mateo 28:20). Polo tanto, o estudo da Biblia non debe quedar nun mero exercicio intelectual, é dicir, probablemente debamos facer cambios importantes na nosa forma de pensar e actuar (Feitos 10:42; Efesios 4:22-29; Hebreos 10:24, 25). Os que obedecen o que Xesús mandou séntense motivados a tomar a decisión persoal de se converter en discípulos seus mediante dedicar as súas vidas a Deus (Mateo 16:24).
Paso 3. Bautizarse (Mateo 28:19). A Biblia compara o bautismo a un enterro (ver Romanos 6:2-4). O bautismo simboliza a fin do noso estilo de vida anterior e o comezo dunha nova vida. Polo tanto, este acto é unha demostración pública de que demos os dous primeiros pasos descritos por Xesús, e de que lle rogamos a Deus que nos concedese unha conciencia tranquila (Hebreos 9:14; 1 Pedro 3:21).
Como sei se estou preparado para o bautismo?
Debemos comentalo cos anciáns da congregación. Eles falarán con nós para asegurarse de que entendemos o que implica este paso, de que estamos a poñer en práctica o que aprendemos na Biblia, e de que nos dedicamos a Deus voluntariamente (Feitos 20:28; 1 Pedro 5:1-3).
Tamén deben dar estes pasos os fillos de testemuñas de Xehová?
Si. Tal e como manda a Biblia, nós educamos os nosos fillos “na disciplina e na doutrina do Señor” (Efesios 6:4). Agora ben, cando crecen, son eles quen deciden se queren aprender, aceptar e poñer en práctica as ensinanzas da Biblia para poder bautizarse (Romanos 12:2). Á fin e ó cabo, cada persoa é libre de escoller as súas crenzas relixiosas (Romanos 14:12; Gálatas 6:5).