A que se enfrontaron as testemuñas de Xehová durante o Holocausto?
Das 35.000 testemuñas de Xehová que vivían en Alemaña e nos países ocupados polo réxime nazi, unhas 1500 morreron no Holocausto. Nalgúns casos, descoñécese a causa da morte. Debido a que a investigación segue aberta, algúns datos poden variar.
Como perderon a vida?
Execucións. Preto de catrocentas testemuñas de Xehová foron executadas en Alemaña e demais países ocupados polo réxime nazi. A maioría foron xulgados, sentenciados á pena de morte, e decapitados. Outros foron fusilados ou aforcados sen xuízo previo.
Condicións extremas durante o encarceramento. Máis de mil testemuñas de Xehová perderon a vida en campos de concentración e cárceres nazis. Algúns traballaban ata morrer, e outros morrían de fame, torturados, expostos ás inclemencias do tempo, enfermos ou por non recibir a debida atención médica. A consecuencia deste trato inhumano, outros morreron ó pouco de ser liberados cara ó final da Segunda Guerra Mundial.
Outras causas. Algunhas testemuñas de Xehová foron asasinadas en cámaras de gas, por medio da inxección letal, ou perderon a vida sendo vítimas dos experimentos médicos ós que foron sometidas.
Por que as perseguiron?
As testemuñas de Xehová foron perseguidas por seguiren os ensinos da Biblia. Negábanse a cumprir con calquera esixencia do réxime nazi que fose en contra das normas bíblicas. Obedecían “a Deus antes cós homes” (Feitos 5:29). Vexamos dous exemplos.
Mantivéronse á marxe da política. Igual cás testemuñas de Xehová da actualidade, as que viviron baixo o réxime nazi nunca se involucraron en temas políticos (Xoán 18:36). Isto implica que se negaban a:
Servir no exército ou apoiar a guerra (Isaías 2:4; Mateo 26:52).
Votar nas eleccións ou unirse a organizacións nazis (Xoán 17:16).
Saudar a esvástica e dicir “Heil Hitler!” (Mateo 23:10; 1 Corintios 10:14).
Practicaron a súa fe. Malia que o tiñan prohibido, as testemuñas de Xehová seguiron a:
Reunirse para orar e renderlle culto a Deus (Hebreos 10:24, 25).
Predicar a mensaxe da Biblia e distribuír publicacións baseadas na Biblia (Mateo 28:19, 20).
Tratar ben os seus veciños, incluídos os xudeus (Marcos 12:31).
Ser fieis ás súas crenzas, negándose a firmar un documento de renuncia á súa fe (Marcos 12:30).
O profesor Robert Gerwarth escribiu que as testemuñas de Xehová foron “o único colectivo perseguido durante o Terceiro Reich unicamente polas súas crenzas”. a Algúns prisioneiros dos campos de concentración chegaron a sentir admiración pola firme postura das testemuñas de Xehová. Un prisioneiro austríaco comentou: “Non van á guerra. Prefiren morrer antes que matar a outro ser humano”.
Onde perderon a vida?
Campos de concentración. A maioría das testemuñas de Xehová morreron nos campos de concentración. Foron recluídos en campos coma Auschwitz, Buchenwald, Dachau, Flossenbürg, Mauthausen, Neuengamme, Niederhagen, Ravensbrück e Sachsenhausen. Só neste último, tense constancia da morte dunhas duascentas testemuñas de Xehová.
Cárceres. Algunhas testemuñas de Xehová foron torturadas nos cárceres ata morrer. Outros perderon a vida a consecuencia das feridas inflixidas durante os interrogatorios.
Lugares onde se levaban a cabo execucións. Algunhas testemuñas de Xehová foron executadas en cárceres de Berlin-Plötzensee, Brandenburgo e Halle/Saale. Ademais, tense constancia doutros setenta lugares onde se executaron testemuñas de Xehová.
Historias dalgúns executados
Nome: Helene Gotthold
Onde a executaron: Plötzensee (Berlín)
Helene, esposa e nai de dous fillos, fora arrestada en varias ocasións. En 1937, sufriu un aborto debido ó brutal maltrato recibido durante un interrogatorio. O 8 de decembro de 1944, decapitárona na guillotina no cárcere de Plötzensee (Berlín).
Nome: Gerhard Liebold
Onde o executaron: Brandenburgo
O 6 de maio de 1943, o mozo de 22 anos Gerhard Liebold foi decapitado. Seu pai recibira a mesma morte dous anos antes neste mesmo cárcere. Escribiu unha carta de despedida á súa familia e á súa prometida, onde dicía: “Puiden percorrer este camiño grazas ás forzas que me dá o Señor”.
Nome: Rudolf Auschner
Onde o executaron: Halle/Saale
O 22 de setembro de 1944, Rudolf foi decapitado cando só contaba con 17 anos de idade. Na carta de despedida que lle escribiu a súa nai, dixo: “Moitos irmáns xa percorreron este camiño que eu tamén percorrerei”.
a Hitler’s Hangman: The Life of Heydrich (páxina 105).