Por que non aceptan transfusións de sangue as testemuñas de Xehová?
Ideas equivocadas sobre nós
O que se pensa. As testemuñas de Xehová non cren na medicina nin nos tratamentos médicos.
A realidade. Buscamos o mellor tratamento médico posible tanto para nós como para as nosas familias. Se enfermamos, acudimos a médicos con experiencia en tratamentos e cirurxía sen sangue. Agradecemos os adiantos que se levan feito neste campo da medicina. De feito, os tratamentos desenvolvidos para axudar a testemuñas de Xehová utilízanse para tratar a moitas outras persoas. En moitos países calquera pode elixir tratamentos que eviten os riscos ligados ás transfusións, como son as enfermidades que se transmiten polo sangue, reaccións do sistema inmunolóxico, e os erros humanos.
O que se pensa. As testemuñas de Xehová practican a curación por fe.
A realidade. Non practicamos a curación por fe.
O que se pensa. As alternativas ás transfusións de sangue son moi caras.
A realidade. Os tratamentos sen transfusións de sangue ó final permiten aforrar outros custos médicos e saen máis a conta. a
O que se pensa. Moitas testemuñas, incluídos nenos e nenas, morren tódolos anos por non aceptar transfusións de sangue.
A realidade. Esta afirmación non ten base ningunha. Hoxe en día hai cirurxiáns que non usan transfusións de sangue cando levan a cabo operacións moi complexas, como de corazón, ortopédicas, ou transplante de órganos. b Xeralmente, os pacientes que non aceptan transfusións, incluídos os nenos, recupéranse igual ou mellor que aqueles que as aceptan. c En calquera caso, ninguén pode asegurar que un paciente morrerá por non aceptar transfusións ou que vivirá se as acepta.
Por que non aceptan transfusións de sangue as testemuñas de Xehová?
Debido a razóns relixiosas, máis ben que médicas. No Antigo e no Novo Testamento dáse o claro mandato de absterse do sangue (Xénese 9:4; Levítico 17:10; Deuteronomio 12:23; Feitos 15:28, 29). Tamén temos en conta que para Deus o sangue representa a vida (Levítico 17:14). Así que nos abstemos do sanque non só por obediencia a Deus, senón por respecto a El porque nos deu a vida.
Novos puntos de vista
Aínda que nun tempo a comunidade médica opinaba que as alternativas médicas que non usaban sangue eran arriscadas e mesmo case suicidas, este punto de vista cambiou nos últimos anos. Por exemplo, no ano 2004, un artigo publicado nunha revista de medicina afirmou: “Moitas das técnicas desenvolvidas para tratar a pacientes testemuñas de Xehová serán a norma nos próximos anos”. d E no ano 2010 o libro Medicina transfusional comentou que grazas a estas técnicas “imos conseguir que a chamada ‘cirurxía sen sangue’ sexa algo tan cotián e habitual coma a cirurxía ambulatoria”.
Miles de médicos en todo o mundo usan técnicas de aforro de sangue para efectuar operacións cirúrxicas complexas sen transfusións. Estas alternativas están dispoñibles mesmo en países en vías de desenvolvemento e son solicitadas por moitos pacientes que non son testemuñas de Xehová.
a Consulta Continuing Education in Anaesthesia, Critical Care & Pain, vol. 4, núm. 2, páx. 39.
b Consulta Medicina transfusional, páx. 14; Transfusion and Apheresis Science, vol. 33, núm. 3, páx. 349.
c Consulta Revista Española de Cardiología, vol. 59, núm. 5, páxs. 507-509; Acta Médica Colombiana, vol. 26, núm. 5, páx. 261; The Journal of Thoracic and Cardiovascular Surgery, vol. 134, núm. 2, páxs. 287-288; Texas Heart Institute Journal, vol. 38, núm. 5, páx. 563; Basics of Blood Management, páx. 2; Continuing Education in Anaesthesia, Critical Care & Pain, vol. 4, núm. 2, páx. 39.
d Consulta Revista de la Federación Argentina de Cardiología, vol. 34, núm. 3, páxs. 407-408; Revista Española de Cardiología, vol. 60, núm. 7, páxs. 727-731.