Que uso lles dan as Testemuñas de Xehová ás doazóns?
Grazas ás doazóns, podemos apoiar os labores relixiosos e humanitarios da nosa organización. Realizamos estes labores como parte do noso obxectivo principal: axudarlles ás persoas a chegar a ser discípulos de Xesucristo (Mateo 28:19, 20).
Nunca usamos as doazóns para enriquecer a ninguén. Non lles pagamos ós nosos anciáns, nin a ningún dos nosos ministros relixiosos. Tampouco non cobramos ningún soldo por ir predicar de casa en casa. As persoas que traballan nas nosas sucursais e mais na nosa sede central, incluídos os que compoñen o Consello Reitor, son membros dunha orde relixiosa e non reciben ningún salario.
Algunhas das nosas actividades
Publicacións. Cada ano traducimos, imprimimos, enviamos e distribuímos millóns de Biblias e outras publicacións cristiás sen cobrar nada por elas. Ademais, o sitio web jw.org e a aplicación JW Library fan que as nosas publicacións estean dispoñibles de xeito gratuíto e sen ningún anuncio con fins comerciais.
Construción e mantemento. Construímos e mantemos en bo estado os nosos lugares de culto por todo o mundo. Isto permite que as nosas congregacións dispoñan de lugares sinxelos e dignos onde xuntarse para louvar a Deus. Tamén construímos e coidamos das sucursais e das oficinas de tradución. A maior parte deste traballo realízano voluntarios, o que axuda a reducir os gastos.
Administración. As actividades da nosa sede central, sucursais e oficinas de tradución, así como as tarefas doutros voluntarios que teñen que viaxar, fináncianse grazas ás doazóns recibidas para a nosa obra mundial.
Predicación. As testemuñas de Xehová non cobran por ir predicar as boas noticias nin por ensinar a outros acerca da mensaxe da Biblia (2 Corintios 2:17). Non obstante, igual cós cristiáns do primeiro século, contamos con algúns ministros capacitados que dedican a maior parte do seu tempo a participar en actividades relacionadas coa predicación, e que reciben unha pequena axuda económica para as necesidades básicas da vida e do fogar (Filipenses 4:16, 17; 1 Timoteo 5:17, 18).
Ensinanza. Os gastos dos nosos congresos cóbrense grazas ás doazóns. Ademais, producimos programas de audio e vídeo baseados na Biblia. Tamén organizamos cursos para capacitar os anciáns e os servos a tempo completo para que sexan máis eficaces ó atender as súas responsabilidades.
Axuda humanitaria. Proporcionamos comida, auga e vivenda ós que sofren polos desastres naturais ou os causados polo ser humano. Estes labores humanitarios non só benefician “ós nosos irmáns na fe”, senón tamén ós que non son testemuñas de Xehová (Gálatas 6:10).