Que é a Watch Tower Bible and Tract Society?
Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania é unha organización sen fins lucrativos fundada no ano 1884 de acordo coas leis de Pensilvania (Estados Unidos). A través dela, as Testemuñas de Xehová dan apoio á súa obra mundial, o cal inclúe a publicación de Biblias e de información bíblica.
Segundo os seus estatutos, os fins desta sociedade son de carácter “relixioso, educativo e benéfico”, e están especialmente orientados a “predicar e ensinar o evanxeo do Reino de Deus baixo a dirección de Xesucristo”. Só se pode chegar a formar parte desta sociedade mediante invitación, e non depende de ter realizado ningún tipo de doazón. Tanto as persoas que a compoñen coma os directivos da mesma realizan labores de apoio ó Consello Reitor das Testemuñas de Xehová.
Outras entidades legais
A maiores de Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania, as Testemuñas de Xehová contan con varias entidades legais en diferentes países. Algunhas delas inclúen no seu nome corporativo “Watch Tower”, “Watchtower”, ou unha tradución dun destes termos.
Sen estas entidades sería máis difícil levar a cabo as nosas actividades. Algunhas destas actividades son:
Labor editorial. Levamos distribuídos uns 220 millóns de copias da Biblia e uns corenta mil millóns de exemplares de publicacións bíblicas en máis de novecentos idiomas. Ademais, o noso sitio de Internet, jw.org, ofrece sen custo ningún a posibilidade de ler a Biblia en liña en máis de 160 idiomas, así como respostas a preguntas bíblicas tales como Que é o Reino de Deus?
Labor educativo. Impartimos diversos cursos baseados na Biblia. Un deles é o Curso Bíblico Galaad, ó que levan asistido unhas 9000 testemuñas de Xehová desde o ano 1943. O obxectivo deste curso é formar misioneiros que impulsen e dean estabilidade á nosa obra mundial. Ademais, millóns de persoas asisten ás reunións semanais que celebran as congregacións das testemuñas de Xehová, onde se benefician dun programa de ensinanza bíblica. Tamén impartimos clases de alfabetización coa axuda dun libro de texto que temos publicado en 120 idiomas.
Labor humanitario. Subministramos axuda humanitaria a aqueles que sofren como resultado de traxedias causadas polo home, tales como o xenocidio que tivo lugar en Ruanda en 1994, ou pola natureza, tales como o terremoto de Haití acontecido en 2010.
Se ben as sociedades e entidades legais cumpren un importante papel, o noso labor non depende das mesmas, pois cada cristián ten a responsabilidade de contribuír ó cumprimento do mandamento que Deus mesmo deu de predicar e ensinar as boas novas (Mateo 24:14; 28:19, 20). Estamos convencidos de que Deus está detrás desta obra. El é quen a “fai medrar”, e seguirá a facelo (1a Corintios 3:6, 7).