Unha campaña para salvar vidas
A fin de combater os altos índices de suicidio no estado mexicano de Tabasco, as Testemuñas de Xehová organizamos unha campaña especial de dous meses en 2017. Volvemos distribuír a revista ¡Despertad! de 2014, titulada “¿Vale la pena vivir? Tres razones para no darse por vencido”. A campaña tivo bos resultados.
A axuda chegou a tempo
Faustino, testemuña de Xehová, conversou cunha muller que estaba preocupada polo seu fillo de 22 anos, quen padecía depresión e intentara suicidarse. A muller non sabía como axudalo. Cando Faustino lle ofreceu a revista, ela dixo: “Isto é xusto o que meu fillo precisa”. O día seguinte, Faustino fíxolle unha visita ó fillo da señora e comentou con el os consellos da Biblia que a revista contiña. Logo de varias visitas, o ánimo do rapaz mellorou. Faustino di: “Agora véselle máis tranquilo e máis contento”. Ademais o rapaz fala do que está aprendendo co seu irmán, quen tamén padece depresión.
Karla, que vive na cidade de Huimanguillo, usou a revista para axudar a unha compañeira. “Decateime de que unha compañeira de clase que ten 14 anos semellaba triste”, conta Karla. “Falei con ela e explicoume a súa situación familiar. Segundo iamos falando, vin que tiña cicatrices na man esquerda”. Resulta que esta rapaza adoitaba facerse cortes nos brazos e nas pernas. Sentíase fea e cría que a súa vida non tiña sentido. Karla deulle a revista ¡Despertad!. A rapaza leuna e díxolle a Karla que parecía que a escribiran para ela. Sorriu e comentoulle que agora pensa que paga a pena vivir.
Na cidade de Villahermosa, un home estaba desesperado. Perdera o traballo, e a súa muller deixárao a el e ós seus fillos. Pedíralle a Deus que o axudase, pero non atopaba acougo. Estaba a piques de suicidarse cando Martín e Miguel, testemuñas de Xehová, lle petaron na porta. Foi abrir e ofrecéronlle a revista ¡Despertad!. Ó ver como se titulaba, sentiu que Deus contestara a súa oración. Martín e Miguel consolárono coa Biblia. Volveron uns días despois e vírono máis tranquilo e enteiro. Actualmente estudan a Biblia con el dúas veces á semana.
Visitamos os cárceres
Durante a campaña, as testemuñas de Xehová visitaron varios cárceres no estado de Tabasco. Falaron cos reclusos de consellos da Biblia que podían axudarlles a atoparlle sentido á vida. As testemuñas de Xehová prepararon unha presentación que incluía vídeos, unha conferencia, e unha charla baseada nas razóns para vivir que menciona a revista ¡Despertad!. Tanto os reclusos coma o persoal dos cárceres agradeceron moito estas visitas. Por exemplo, un dos reclusos dixo: “Intentei suicidarme tres veces. Había quen me dicía que Deus se preocupa por min, pero nunca me demostraron coa Biblia que iso era así. O que vós me dixestes si que me animou de verdade”.
Esta campaña non pasou desapercibida. O secretario de Saúde felicitou as Testemuñas de Xehová por esta iniciativa destinada a axudar á comunidade. Ademais, un xornal local publicou un artigo sobre a campaña titulado “Salen a combatir el suicidio”.