Coidados e axuda para pacientes
Cando unha persoa está enferma pode caer facilmente na ansiedade e, se precisa atención hospitalaria, a súa aflición emocional pode aumentar moito. Unha revista para coidadores profesionais mencionou que “os estudos indican o profundo efecto que ten na saúde dos pacientes coidar da súa saúde emocional e espiritual.” a
En resposta a estas necesidades, as Testemuñas de Xehová empregan a Biblia como fonte de consolo, e axudan no que precisen os seus compañeiros de crenza hospitalizados. Se alguén da congregación está enfermo, os anciáns, ou responsables desa congregación, van visitalo. Pero, e se unha testemuña de Xehová ten que recibir tratamento médico nun hospital lonxe da casa? Nas principais cidades do mundo, as Testemuñas de Xehová contan con Grupos de Visita a Pacientes. Os anciáns cristiáns que pertencen a estes grupos teñen a función de visitar con regularidade os hospitais para axudar os pacientes e as súas familias que veñen doutras localidades do país, ou mesmo do estranxeiro, para recibiren tratamento médico. Nos seis continentes hai uns mil novecentos Grupos de Visita a Pacientes nos que participan máis de vinte e oito mil voluntarios. b
Que coidados espirituais dan estes grupos de voluntarios?
William, un destes voluntarios, comenta: “Tiven a oportunidade de consolar os pacientes que son compañeiros de crenza, e a familiares seus que non son testemuñas de Xehová, só por estar aí, falarlles e escoitalos. Sempre lles digo que Xehová Deus está ó tanto da súa situación e que se interesa neles. Tanto os pacientes como as súas familias agradecen que oremos con eles”.
Moitos expresaron o seu agradecemento polo ánimo recibido nas visitas destes voluntarios. Deseguido podes ler uns cantos exemplos dos Estados Unidos, onde case sete mil voluntarios colaboran nestes Grupos de Visita a Pacientes:
Priscilla comenta: “Grazas por visitar o meu pai no hospital despois do derramo. Animárono moito as vosas visitas! Quedou abraiado pola existencia deste tipo de labor. Penso que as vosas visitas aceleraron a súa recuperación”.
Ophilia, a filla dunha paciente que morreu, díxolle a un voluntario: “As vosas visitas viñéronlle tan ben a miña nai! Ela tiña claro que viñades de parte de Xehová. Graciñas polo voso agarimoso coidado”.
Un paciente estaba abatido e con moita ansiedade porque lle dixeran que só lle quedaban uns días de vida. James, voluntario dun Grupo de Visita a Pacientes, estivo con el e falaron do consolo que ofrece a Biblia en Filipenses 4:6, 7. James recorda: “Cando o visitei ó día seguinte noteille unha actitude ben diferente. A pesar do seu prognóstico, estaba optimista polo consolo que obtivera da Biblia, e ata me animou el a min!”.
Que outra axuda ofrecen estes grupos de voluntarios?
O marido de Pauline morreu nun hospital lonxe da casa. Ela escribiu: “Moitas grazas pola vosa axuda no momento máis angustioso da vida para a nosa familia. Saber que vos presentariades no hospital inda que fose no medio da noite e tendo que ir traballar ó día seguinte, xa nos consolaba. Grazas por buscarnos ós once onde durmir e por estar connosco durante todo o proceso. Agradézolle a Xehová e á súa organización que nos dese esta axuda e consolo”.
Nicki, Gayle e Robin tiveron un accidente de coche a uns trescentos quilómetros da casa. Carlos, voluntario dun Grupo de Visita a Pacientes, foi visitalas ó hospital en canto chegaron. Carlos comenta: “Ofrecinme a axudarlles no que precisasen e tocoume quedar fóra termándolle do canciño a Nicki mentres ela estaba dentro recibindo atención médica”. De alí a un pouco chegou Curtis, outro dos voluntarios, maila súa muller. Alí estiveron no hospital ata que chegaron, varias horas máis tarde, os familiares das pacientes. Un observador comentou: “As tres recibiron apoio e consolo. Robin, a irmá de Nicki, e que non é testemuña de Xehová, quedou abraiada polo moito que lles axudaron os voluntarios”.
a “Coidado das necesidades emocionais e espirituais dos pacientes”, publicado en The Joint Commission Journal on Quality and Patient Safety, decembro de 2003, volume 29, número 12, páxina 661.
b Coma tódolos demais anciáns das congregacións das testemuñas de Xehová, os que participan nos Grupos de Visita a Pacientes, tamén colaboran nas súas respectivas congregacións prestando axuda espiritual e predicando a mensaxe da Biblia. Non perciben un soldo por estes labores, pero serven de boa gana e porque lles agrada facelo (1 Pedro 5:2).