Ir ó contido

Que efecto terá unha Sala de Reunións na túa comunidade?

Que efecto terá unha Sala de Reunións na túa comunidade?

As testemuñas de Xehová levamos máis de cen anos deseñando e construíndo os nosos lugares de culto. Está a construírse unha das nosas Salas de Reunións na túa zona? Que efecto positivo pode ter na túa comunidade?

Flowery Branch, Georgia (Estados Unidos)

“Un valioso activo para a comunidade”

O deseño das nosas Salas de Reunións intégrase moi ben no entorno. Jason, que colabora coa coordinación da construción de Salas de Reunións en Estados Unidos, di: “O noso obxectivo é que cada un dos nosos locais sexa un dos edificios máis bonitos e ben construídos da zona”. Un arquitecto que é testemuña de Xehová engade: “Queremos que o produto final sexa un valioso activo para a comunidade e mesmo revalorice as propiedades dos arredores”.

As nosas Salas de Reunións edifícanse grazas a testemuñas de Xehová que traballan para construír edificios de boa calidade. A súa pericia non pasa desapercibida. Por exemplo, nun proxecto realizado en Estados Unidos, na cidade de Richmond (Texas), o inspector de obra local afirmou que nunca vira un tellado tan ben construído coma o da Sala de Reunións. En Xamaica, outro inspector levou varios novos inspectores a ver a obra da Sala de Reunións e díxolles: “Non tendes nada do que preocuparvos con esta xente. As testemuñas de Xehová sempre seguen o proxecto presentado, e mesmo cumpren máis normativas das esixidas polas autoridades”. Un inspector de obra de Florida (Estados Unidos) dixo: “Levo inspeccionado moitos hospitais e grandes proxectos de obra pública, pero nunca vin ningún tan organizado coma este. Facedes moi bo traballo”.

Concession (Cimbabue)

Unha influencia positiva na comunidade

As reunións que celebramos nos nosos locais exercen unha influencia positiva nas vidas dos asistentes. Axúdanlles a ser mellores pais, nais e fillos. Rod, que colabora cun equipo de deseño de Salas de Reunións, explica: “Cada Sala de Reunións é un centro educativo no que se promoven elevados valores morais que teñen un efecto positivo na comunidade”. E engade: “Nos nosos locais podes atopar axuda para afrontar os problemas da vida. O ambiente é agradable e agarimoso. Todo aquel que precise apoio e guía espiritual sentirase moi a gusto”.

As persoas que adoitan asistir á Sala de Reunións interésanse polos seus veciños, e sempre están dispostas a axudar cando azouta o desastre. Por exemplo, en 2016, tralo paso do furacán Matthew polas Bahamas, as testemuñas de Xehová repararon 254 vivendas. Nun dos barrios vivía Violeta, de 80 anos. Como a súa casa quedara anegada, achegouse a un equipo de socorro das testemuñas de Xehová e ofreceulles cartos para que a axudasen. Inda que non aceptaron o seu diñeiro, as testemuñas de Xehová repuxeron as pezas do tellado para que non tivese pingueiras. Ademais, colocáronlle un teito de escaiola novo na sala de estar. Violeta abrazou a todo o equipo de traballo, deulles as grazas moitas veces e exclamou: “Vós sodes o pobo de Deus!”.

Bad Oeynhausen, Renania do Norte, Westfalia (Alemaña)

Alegres de contar cunha Sala de Reunións na comunidade

A fin de manter os nosos locais nas mellores condicións, as Testemuñas de Xehová contamos cun programa de formación para ensinarlles ós que forman parte das congregacións como realizar as tarefas de mantemento. Este programa está dando moi bos resultados. Por exemplo, nunha pequena vila de Arizona, unha muller que asistiu a unha das nosas reunións comentou o bo estado no que se atopaba o local. Quedou impresionada cando soubo do programa de mantemento, é dicir, das tarefas que se realizaban a fin conservar en bo estado un edificio que xa estaba en perfectas condicións. Esta muller escribía no boletín de noticias da vila, no que despois apareceu un artigo sobre o ben coidada que estaba a Sala de Reunións. O artigo concluía dicindo que os alegraba contar cun dos nosos locais na comunidade.

Podes atopar unha Sala de Reunións en calquera parte do mundo. Anímate a vir e serás ben recibido.