Ir ó contido

En Italia, as testemuñas de Xehová bótanlles unha man ós veciños

En Italia, as testemuñas de Xehová bótanlles unha man ós veciños

Despois das fortes choivas que caeron no norte de Italia en novembro de 2016, moitas vilas ó sur da cidade de Moncalieri quedaron anegadas. En moitas destas vilas a auga acadou máis de medio metro de altura. Un periódico informou que “todo e todos resultaron afectados”. Unhas 1.500 persoas foron evacuadas á présa polas autoridades locais. Grazas a esta rápida actuación evitouse a perda de vidas humanas. Porén, moitas familias sufriron importantes danos materiais.

Traballo en equipo para os labores de socorro

As testemuñas de Xehová formaron equipos de axuda que se puxeron mans á obra decontado. Axudaron ás familias a retirar lama e outros materiais arrastrados polas inundacións. Tamén lles axudaron a recuperar os mobles e obxectos persoais. Cando un dos equipos que levaba comida e outra axuda atopou unha estrada cortada, as autoridades deixáronos pasar para auxiliar unha familia. Ademais de axudar os seus compañeiros de fe, os voluntarios das testemuñas de Xehová tamén axudaron a persoas doutras crenzas.

Por exemplo, o soto dun edificio anegouse por completo. Despois que os servizos de rescate bombearan fóra a auga, un equipo das testemuñas de Xehová axudou a un compañeiro de crenza chamado Antonio e á súa familia a limpar o seu soto. Cando remataron axudaron os demais veciños do edificio. Formaron unha cadea humana e, nunhas horas, despexaron os sotos. A veciñanza quedou moi agradecida pola axuda. Unha das veciñas, chamada Viviana, achegouse á muller de Antonio e díxolle con bágoas nos ollos: “Por favor, dálles as grazas da nosa parte ós teus compañeiros. Sodes excepcionais!”.

Nunha vila que sufriu de xeito especial as inundacións, os residentes fixáronse no que estaban facendo as testemuñas de Xehová para axudar os afectados. O que viron fixo que se presentasen voluntarios para botar unha man, e seguían encantados as instrucións do xefe de equipo.

Agradecidos pola “axuda impagable”

Unha das casas sufriu graves danos, e o garaxe encheuse de lama. O dono da casa quedou abraiado ó ver oito testemuñas de Xehová traballar sen descanso catro horas seguidas para limpar o seu garaxe. Agradecido, abrazou a varios dos voluntarios e publicou unha mensaxe nas redes sociais agradecéndolles a súa “axuda impagable”.

Un dos voluntarios das testemuñas de Xehová conta: “Axudamos a moitos veciños que non son testemuñas de Xehová e que xa andan polos oitenta anos. Varios deles, con bágoas nos ollos, déronnos as grazas polo que fixemos por eles”. Un destes veciños, que era un membro moi activo da súa igrexa parroquial, agradeceulles moito a axuda ás testemuñas de Xehová e dixo: “É marabilloso ver que, inda tendo crenzas diferentes, podemos traballar xuntos e axudarnos”. Outro veciño tamén dixo: “Éche unha mágoa que só se vos coñeza por andar petando nas portas o domingo pola mañá e non por todo o que axudades”.