Ir ó contido

Damos consolo e esperanza no Tour de Francia

Damos consolo e esperanza no Tour de Francia

O Tour de Francia é a carreira ciclista máis coñecida do mundo. A 103a edición desta carreira tivo lugar do 2 ó 24 de xullo de 2016, nun ambiente tenso e delicado. O ano anterior, varios ataques terroristas causaran máis de cen vítimas mortais en Francia. Entón, durante a festa nacional do 14 de xullo de 2016, un terrorista atropelou cun camión unha multitude que estaba vendo un espectáculo de fogos artificiais na cidade de Niza. Faleceron 86 persoas e moitas máis resultaron feridas.

Neste ambiente de medo e loito, as testemuñas de Xehová quixeron consolar e transmitir unha mensaxe de esperanza á conmocionada poboación do país. Así que colocaron expositores con publicacións nas diferentes etapas do Tour. Máis de mil catrocentas testemuñas de Xehová participaron como voluntarias nesta campaña e deixaron unhas dúas mil publicacións baseadas na Biblia ás persoas que buscaban respostas ás preguntas importantes da vida.

“Estades por todas partes”

Os afeccionados que ían de vila en vila seguindo a carreira quedaban abraiados ó atoparse coas testemuñas de Xehová vez tras vez. En varias ocasións, membros do equipo directivo do Tour de Francia felicitaron as testemuñas de Xehová por estaren tan ben organizadas, e comentaron: “Parece que estades por todas partes, en tódalas etapas da carreira!”. Moitos afeccionados dicían: “As testemuñas de Xehová tamén están aquí!”. Días despois do comezo do Tour, un condutor de autobús rexeitou amablemente unha folliña que lle ofrecían porque xa lle deran catro noutras etapas.

Ó ver que as testemuñas de Xehová estaban en todas partes, varias persoas impulsadas pola curiosidade colleron publicacións nos expositores por primeira vez. Por exemplo, o empregado dunha canle de deportes recordaba as testemuñas de Xehová da pasada edición do Tour. Esta vez decidiu achegarse ó expositor e colleu o libro El secreto de la felicidad familiar, un tema que lle interesaba. Comezou a ler o libro no coche e faloulles dos expositores ós seus compañeiros de traballo, que tamén foron coller diversas publicacións.

Unha mensaxe de consolo e esperanza

Algúns dos que se achegaban viñan buscando as testemuñas de Xehová para desafogarse en busca de consolo. Unha muller nova contou que estaba tan desesperada que pensara en tirarse diante dun tren para suicidarse ese mesmo día. Pero a mensaxe tranquilizadora da Biblia, dun futuro en paz baixo o Reino de Deus, deulle acougo e alivio, e fixo que cambiase de parecer. Outra muller comentou: “Seguide con esta boa obra”.

Un home que camiñaba con muletas aceptou a axuda dunha muller que ía ben vestida porque se decatou de que era testemuña de Xehová. O home admitiu que adoitaba sospeitar dos estranxeiros, e dixo: “Grazas. O teu sorriso e a túa forma de vestir inspiran confianza”.