Ir ó contido

Milleiros de persoas visitan a sucursal de América Central

Milleiros de persoas visitan a sucursal de América Central

En 2015, a sucursal de América Central das Testemuñas de Xehová situada en México recibiu preto de cento setenta e cinco mil visitas, unha media de seiscentas setenta persoas diarias de luns a venres. Moitos dos visitantes alugaron autobuses e viaxaron en grupos grandes durante varios días. Houbo quen planificou a viaxe con meses de antelación.

O Proxecto Betel

Algúns tiveron que facer certos sacrificios persoais para visitar a sucursal, tamén chamada Betel. Por exemplo, moitas das testemuñas de Xehová dunha congregación de Veracruz non tiñan cartos para pagar a viaxe de 550 km en autobús. Así que puxeron en marcha un plan ó que chamaron Proxecto Betel. Organizáronse para cociñar e vender comida, e reciclaron botellas de plástico. Ó cabo duns tres meses, xa tiñan os cartos para a viaxe.

Pagou a pena? Eles non teñen dúbida ningunha. Por exemplo, un rapaz chamado Lucio escribiu: “A visita que fixemos a Betel animoume a poñerme novas metas, agora involúcrome máis nas actividades da congregación”. Elizabeth, que ten dezaoito anos, dixo: “En Betel puiden ver e sentir o amor sincero que identifica os servos de Xehová. Decidín dedicar máis tempo a predicar porque quero facer máis por Deus”.

Milleiros de visitantes

Ás veces, chegaban milleiros de visitantes no mesmo día. O persoal que se encarga das visitas guiadas traballou moito para recibilos a todos con hospitalidade. A Lizzy animouna moito ver chegar tanta xente. Ela comenta: “A miña fe crece ó ver canto valoran a sucursal os que nos visitan, e os esforzos que fan por vir”.

A fin atender tódalas visitas, os membros doutros departamentos tamén fixeron de guías. Aínda que isto significou máis traballo para eles, estiveron encantados de facelo. Juan di: “Cando fas de guía, ves a alegría nas caras dos que nos visitan e sabes que pagou a pena”.

“Ós nenos encántalles”

Ós máis pequenos tamén lles gusta visitar Betel. Noriko, que traballa no Departamento de Informática, comenta: “Cando lles pregunto ós nenos se lles gustaría traballar de voluntarios en Betel, todos din que si”. Un dos sitios favoritos dos máis pequenos é o Recuncho de Brais, onde poden facerse fotos coas figuras a escala de Brais e Uxía, personaxes da serie de animación Faite amigo de Xehová. Noriko engade: “Ós nenos encántalles”.

Moitos tamén expresaron o seu agradecemento polo traballo que se fai en Betel. Por exemplo, un neno de México chamado Henry foi metendo cartos nun peto para doalos cando visitase a sucursal. Acompañou a súa doazón cunha nota que dicía: “Por favor, usade este diñeiro para facer máis publicacións. Moitas grazas por traballar para Xehová”.

Invitámoste a vir

Invitámoste a coñecer calquera das nosas sucursais. As testemuñas de Xehová ofrecemos visitas guiadas gratuítas ás oficinas e imprentas que temos por todo o mundo. Estamos seguros de que desfrutarás da visita. Se o desexas, podes atopar máis información na sección QUEN SOMOS > VISITA AS NOSAS SUCURSAIS.