Sesenta días para trasladarse
O venres 5 de xullo de 2013, Anthony Morris, membro do Consello Reitor das Testemuñas de Xehová, fixo este emocionante anuncio ós voluntarios da nosa sede central: “Chegouse a un acordo para vender os seis edificios do noso complexo, situado no número 117 da rúa Adams e no 90 da rúa Sands, en Brooklyn. a Os edificios 1 a 5 deberán quedar desaloxados a mediados de agosto do presente ano”.
Sen dúbida, había moito traballo que facer. Os cinco edificios teñen unha superficie total equivalente a once campos de fútbol, e debían quedar baleiros en sesenta días.
Durante décadas, os edificios 1 a 5 deste complexo albergaran a maquinaria de impresión e encadernación, ata que no ano 2004 foi trasladada a Wallkill (Nova York).
Dende entón, estas instalacións empregáronse como talleres e almacéns de materiais de construción, mobiliario de oficina e outros equipamentos utilizados en proxectos de construción tanto dentro coma fóra dos Estados Unidos.
Desaloxar os edificios a tempo requería dunha coidadosa planificación. Empezouse por facer inventario, a fin de decidir que cousas se conservarían, e cales se venderían ou tirarían. A continuación, deseñouse un plan para realizar as tarefas necesarias para baleirar os edificios dun xeito seguro e eficiente. A maiores, 41 voluntarios temporais de distintos lugares dos Estados Unidos foron invitados para botar unha man. A maioría eran rapaces novos e sen responsabilidades familiares, e estiveron dispostos a deixar familia, amigos e traballo por un período de entre seis e dez semanas para colaborar cos membros da sede central. Vexamos os comentarios que algúns deles fixeron sobre a súa experiencia.
Jordan, de 21 anos, acudiu desde o estado de Washington. El dixo: “É unha mágoa que non enchese a solicitude antes”.
Steven, de 20 anos e procedente de Texas, comentou: “Síntome parte dunha gran familia internacional que traballa con entusiasmo”.
Justin, que ten 23 anos, escribiu: “Traballando aquí síntome coma na casa. Vívese un marabilloso ambiente de sabedoría, amor e irmandade”.
Adler ten 20 anos e viaxou desde Porto Rico. El contou: “Erguerme cedo tódalas mañás foi todo un reto. Pero aquí fixen amizades que van durar toda a vida”.
William, de 21 anos, dixo: “Poder traballar aquí como voluntario foi o meu sono dende que era neno. Ó principio pensaba que me ía sentir só ou perdido, pero estaba moi equivocado. Esta foi a mellor experiencia da miña vida! Non imaxino que poida haber algo mellor que estar aquí”.
Cumpriría este equipo de bos traballadores coa data marcada? Cumpriu, en tan só 55 días.
a O edificio de vivendas situado na rúa Sands quedará baleiro ó longo do ano 2017.