Ir ó contido

Realizamos prácticas de extinción de incendios

Realizamos prácticas de extinción de incendios

“Lume! Hai lume!” Sandra estaba almorzando na casa dos seus sogros cando viu saír lapas por debaixo da porta dun alpendre preto da casa. Ela mailo seu home, Thomas, axiña reaccionaron. Mentres que Sandra foi á procura dun extintor, Thomas foi ver o que pasaba. Sandra correu a levarlle o extintor a Thomas, quen apagou o lume. “De non ter apurado tanto, o alpendre remataría queimado enteiriño”, lembra Sandra.

Que lles axudou a reaccionar tan axiña? Sandra e Thomas traballan, xunto a outras mil persoas, na sucursal das Testemuñas de Xehová de Selters (Alemaña). Foi alí onde aprenderon a combater incendios.

As 30 hectáreas do complexo de Selters inclúen non só oficinas, senón tamén unha lavandaría, unha imprenta e talleres. Estas son zonas de alto risco de incendios. Así que o Departamento de seguridade e medio ambiente ten un programa para ensinar a combater incendios. Por unha banda, un grupo coñecido como Equipo de resposta inmediata fai prácticas co servizo de extinción de incendios da localidade. Ademais, tódolos voluntarios fan regularmente o seguinte:

  • Simulacros de evacuación.

  • Participar en cursos de seguridade contra incendios.

  • Aprender a loitar contra un lume en canto se declara.

Deste xeito, os voluntarios adquiren unha formación vital para cando xorde unha emerxencia.

Formación práctica contra incendios

Durante as sesións de práctica, os participantes aprenden técnicas para loitar con seguridade contra os incendios. Christin, que xa aprendera sobre isto na escola primaria, conta sobre a formación que recibiu na sucursal: “Collín o extintor, quiteille o seguro, e ataquei o lume dándolle as costas ó vento. Doutro xeito as lapas viríanme á cara. Deste xeito matei o lume eu soíña! Tamén aprendín a loitar contra os incendios en equipos de catro ou cinco persoas”.

Daniel, que imparte formación de loita contra incendios na sucursal, subliña que as sesións de práctica “reducen o medo ó lume”. Explícao dicindo: “Cando se declara un incendio, as persoas quedan a miúdo perplexas. Bloquéanse e pensan ‘e agora que fago? Como emprego o extintor?’ Pero se saben como reaccionar, poden evitar que un lume pequeno se converta nun inferno”. Daniel engade que os cursos de formación “ensinan a empregar os extintores dun xeito adecuado nunha situación de emerxencia e apagar o lume. Quen participa nun curso gaña confianza e valor para reaccionar axiña cando é preciso”.

A formación dá bos resultados

Moitos expresaron o seu agradecemento pola formación que recibiron. Christin, da que xa falamos antes, dixo: “Por primeira vez manexei un extintor coas miñas mans. Penso que todo o mundo debería recibir esta formación”. Nadja, que traballa nun aeroporto e ademais colabora como voluntaria na sucursal, conta: “Durante os últimos dez anos, no aeroporto recibín formación teórica de loita contra incendios. Pero a formación práctica que recibín na sucursal fíxome gañar confianza. De estalar un lume xa sei o que teño que facer”.

Sandra pensa que a formación que recibira na sucursal foi o que lle axudou a reaccionar con rapidez na casa dos seus sogros. “Agora dáme menos impresión manexar un extintor”, di Sandra. “Está moi ben recibir esta formación cada ano. Axudoume moito”, engade.

Sesións de práctica co Servizo de extinción de incendios

O Servizo de extinción de incendios da localidade realiza sesións de práctica nas instalacións da sucursal. O xefe dos bombeiros, Theo Neckermann, explica por que: “O noso Servizo atende o municipio de Selters, unha zona rural. Normalmente atendemos emerxencias que se declaran en pisos ou en vivendas unifamiliares. As instalacións da sucursal son únicas na zona polo gran tamaño dos edificios e porque a actividade que alí se desenvolve é industrial. Precisamos adquirir certas destrezas para atender emerxencias nun lugar destas características. Así que estamos encantados e agradecidos de poder practicar aquí”.

Os máis de cen membros do Equipo de resposta inmediata realizan simulacros de operacións de rescate e extinción de incendios en colaboración co servizo de bombeiros local. Neckermann comenta: “Quedamos admirados do Equipo de resposta inmediata. Sen a súa colaboración e dirección non sairían tan ben as operacións de emerxencia e contra incendios”.

Unha demostración do perigoso que é intentar apagar aceite ardendo con auga

Unha noite de febreiro de 2014, o Equipo de resposta inmediata e o departamento de bombeiros tiveron ocasión de demostrar as súas capacidades. Un dos apartamentos do complexo da sucursal encheuse de fume. “O fume era tan denso que nin viamos as nosas propias mans”, recorda Daniel, mencionado antes. “Decontado chamamos o departamento de bombeiros e comezamos a evacuación das 88 vivendas. Para cando chegaron os bombeiros, o edificio xa estaba baleiro”, conta.

Neckerman di: “Non podo imaxinar que sexa posible evacuar un edificio enteiro tan rápido nunha cidade coma Frankfurt. Fostes moi disciplinados, e o voso Equipo de resposta inmediata funcionou á perfección!”. Os bombeiros localizaron o foco do incendio, ninguén resultou ferido e non houbo danos importantes.

Os residentes da sucursal de Selters confían en que non se volva presentar unha emerxencia tan grave. Pero se sucede, os voluntarios están preparados porque aprenderon a loitar contra o lume.