Ir ó contido

Galería de fotos de Gran Bretaña N.o 3 (setembro de 2016 a febreiro de 2017)

Galería de fotos de Gran Bretaña N.o 3 (setembro de 2016 a febreiro de 2017)

Nas seguintes fotografías poderás ver os avances realizados nas obras da nova sede das Testemuñas de Xehová en Gran Bretaña entre setembro de 2016 e febreiro de 2017.

13 de setembro de 2016. Terreos da nova sucursal

Unha escavadora carga terra nun contedor para transportala a outra zona da obra onde se vai construír.

15 de setembro de 2016. Instalacións provisionais

Membros do departamento de electricidade amarrando cables de rede. Este edificio utilizarase temporalmente para oficinas e comedor durante as obras de construción da sucursal, situadas preto do mesmo.

19 de setembro de 2016. Terreos da nova sucursal

Vista aérea do novo trazado e da estrada de acceso ó recinto da sucursal. Á esquerda da rotonda están preparando unha zona de xardín e un estanque, cun miradoiro para que os veciños da localidade e os visitantes poidan ver o progreso das obras.

3 de novembro de 2016. Terreos da nova sucursal

Os restos de formigón da obra tritúranse e reutilízanse para construír os accesos.

4 de novembro de 2016. Terreos da nova sucursal

En primeiro plano, uns operarios construíndo estradas temporais e permanentes. Os rolos de material xeotéxtil branco que están a estender son dun tecido permeable que dá estabilidade á estrada. Ó fondo á dereita, unha apisoadora vai preparando o terreo para a posterior colocación do material xeotéxtil.

5 de novembro de 2016. Evento rexional de construción da nova sucursal

Uns voluntarios informándose nun dos dezaoito eventos rexionais organizados polo Comité do Proxecto en Gran Bretaña e Irlanda. Asistiron máis de quince mil testemuñas de Xehová, e moitos ofrecéronse a colaborar na construción.

28 de novembro de 2016. Terreos da nova sucursal

Os xardineiros estercan un salgueiro que acaban de plantar. Esta é unha das setecentas árbores que se plantaron na zona. A función do estanque é almacenar a auga da chuvia e ir liberándoa de xeito controlado para evitar desbordamentos a causa das treboadas.

5 de decembro de 2016. Terreos da nova sucursal

Nun día de néboa, increméntase o ritmo de traballo removendo a terra. Os labores de nivelación xa están na súa fase final. Os contratistas escavaron e removeron aproximadamente 160.000 metros cúbicos de materiais, o que equivale a máis de dez mil contedores.

6 de decembro de 2016. Terreos da nova sucursal

O equipo de xardinería prepara o terreo para plantar unha sebe arredor do xardín destinado ás especies autóctonas. Nesta zona plantáronse once variedades de árbores e dezaseis de plantas, todas típicas da rexión.

19 de decembro de 2016. Edificios de vivendas

Á esquerda, unha perforadora fai un buraco para colocar os cimentos. Primeiro, unha barrena perfora a terra. A continuación, bótase o formigón a medida que a barrena se extrae. Finalmente, como se ve no centro da imaxe, os contratistas colocan unhas barras de aceiro que reforzan os cimentos. Lévanse colocado máis de trescentos sesenta piares para os cimentos dos edificios de vivendas.

29 de decembro de 2016. Terreos da nova sucursal

Nunha mañá de xeada, un fontaneiro conecta tubaxe para o subministro de auga das oficinas provisionais situadas na obra.

16 de xaneiro de 2017. Terreos na nova sucursal

Unha escavadora anfibia retirando lama e residuos dun estanque situado na obra. Moitos destes estanques estaban en malas condicións e había que recuperalos. As melloras estruturais realizadas nas beiras destes estanques teñen como obxectivo reducir a erosión e evitar desbordamentos. Antes de comezar co proceso de recuperación, máis de dous mil cincocentos peixes foron trasladados a outros estanques da zona.

17 de xaneiro de 2017. Edificios de vivendas

Vista aérea da obra dende o leste. En primeiro plano, fase inicial da cimentación de dous edificios de vivendas. Abaixo á dereita, parte superior dos piares á vista. Abaixo á esquerda, piares revestidos de formigón. No centro da imaxe apréciase unha perforadora facendo os buracos onde se colocarán os piares.

23 de xaneiro de 2017. Instalacións provisionais

Un membro do equipo de acabados inxecta silicona no marco dunha porta do Centro de Visitantes antes de que comecen os traballos de pintura. Aquí os visitantes poderán ver unha exposición sobre o proxecto, así coma os avances da obra dende unha plataforma elevada.

14 de febreiro de 2017. Edificios de vivendas

Colocación dunha peza que fai rotar o guindastre torre. Este guindastre mide uns corenta metros e pode levantar ata dezaseis toneladas.

15 de febreiro de 2017. Edificios de vivendas

Nivelación dos piares á vista. As varas metálicas que sobresaen quedarán fixadas cando boten o formigón.

17 de febreiro de 2017. Zona de obras

Uns electricistas instalan un dos dous letreiros co logotipo de jw.org nun dos muros de pedra que irán situados a ámbolos dous lados da entrada ó recinto.

17 de febreiro de 2017. Zona de obras

Vista aérea da rotonda que regula o tráfico desta transitada estrada, que pasa por diante da entrada principal. Arriba á esquerda, os letreiros co logotipo de jw.org sinalan o acceso ó recinto. O estanque e o xardín con especies autóctonas formarán parte do acceso en canto estean rematados.

24 de febreiro de 2017. Edificios de vivendas

O brazo do guindastre torre ten un radio de sesenta e cinco metros, e abrangue a área onde se construirán catro dos cinco edificios de vivendas. En primeiro plano, os contratistas botando formigón no futuro aparcadoiro subterráneo dun dos edificios de vivendas. As barras de aceiro que xa están colocadas servirán para reforzar as columnas e a estrutura do edificio.