Galería de fotos de Gran Bretaña N.o 5 (setembro de 2017 a febreiro de 2018)
Nas seguintes fotografías, poderás ver os avances realizados nas obras da nova sede das Testemuñas de Xehová de Gran Bretaña entre setembro de 2017 e febreiro de 2018.
6 de setembro de 2017. Edificio de vivendas C
Uns membros do equipo de exteriores usan ferramentas especiais para morteiro. As caras de ladrillo que están unindo van pegadas a un marco metálico que serve para cubrir a estrutura de aceiro das paredes.
20 de setembro de 2017. Edificio de vivendas D
Un membro do equipo de arquitectura usa un trípode cun nivel láser e un equipo de medición para marcar onde irán colocadas as paredes exteriores dos apartamentos. Ó fondo, avanzan os traballos de carpintería no edificio de vivendas F.
27 de setembro de 2017. Edificio de vivendas F
Unha operaria pulveriza unha capa fina de auga sobre unha parede emplastada con xeso e vaina puíndo cunha espátula. Para aforrar auga, o Departamento de Acabados recolle a auga cun deshumidificador e úsaa na mestura de xeso e argamasa coa que se colocan os azulexos.
3 de outubro de 2017. Terreos da sucursal
No exterior do edificio de vivendas E, uns contratistas botan o asfalto na estrada que conectará coa rede de accesos.
10 de outubro de 2017. Edificio de vivendas F
Un albanel de 71 anos levanta as paredes exteriores do edificio de vivendas F. Dende o comezo da obra, máis de cen testemuñas de Xehová de máis de 70 anos colaboraron e aportaron as súas habilidades e experiencia.
16 de novembro de 2017. Edificios de vivendas
Vista aérea do complexo dende o oeste. Tódolos edificios de vivendas levarán tellados de cuberta vexetal. Unha vez que estean illados e se instale o sistema de drenaxe, plantaranse especies de plantas autóctonas. Este tipo de tellados favorece a biodiversidade, reduce o custo enerxético e axuda a controlar a acumulación da auga da choiva. En primeiro plano, cimentos do edificio de vivendas A e dunha parte dos edificios de oficinas.
21 de novembro de 2017. Edificio de vivendas F
Uns carpinteiros instalan marcos metálicos prefabricados na entrada dun apartamento. Non hai que pintalos nin colocar bisagras ou fechaduras, o cal facilita a súa rápida instalación.
28 de novembro de 2017. Edificio de oficinas
Ó solpor, contratistas colocan os piares para o complexo de oficinas. No centro da imaxe, contratistas colocan barras de aceiro nuns buratos duns 20 metros de profundidade nos que se acaba de botar o formigón. Ó fondo, edificio de vivendas B.
5 de decembro de 2017. Edificio de vivendas E
Un dos traballadores coloca os soportes para os tubos da calefacción no teito do aparcamento. O teito vai illado cun revestimento que protexe as vivendas superiores das baixas temperaturas.
8 de decembro de 2017. Edificio de vivendas F
Un membro do equipo de acabados alisa as paredes de xeso para revestilas con vinilo. O disco da máquina vai perforado para aspirar todo o po que se xera ó alisar a parede.
21 de decembro de 2017. Terreos da sucursal
Dous operarios preparan a superficie dunha estrada de acceso que leva ós edificios de subministros. Cun soprete industrial van retirando parte do formigón que se botou e crean ocos nos que crecerá a herba. A superficie resultante reduce a acumulación da auga da choiva.
26 de decembro de 2017. Edificio de vivendas F
Unhas pintoras usan unha pistola especial para aplicar a última capa de pintura na cociña dun apartamento.
28 de decembro de 2017. Edificio de vivendas F
Uns operarios desmontan parte dos andamios para instalar os balcóns. Os tubos vermellos do centro da imaxe subministran aire quente durante o inverno para que o cemento, o xeso e a pintura dos interiores sequen antes.
16 de xaneiro de 2018. Edificio de vivendas F
Cunha espátula, un membro de equipo de acabados elimina as bolsas de aire do vinilo das paredes. Este revestimento lavable é resistente e práctico para zonas con moito tránsito. Ó fondo, outros membros do equipo pintan a parede e colocan o revestimento.
27 de xaneiro de 2018. Edificio de vivendas E
Uns traballadores asisten a unha reunión de equipo antes de comezar as tarefas diarias. A seguridade é unha prioridade para o responsable do equipo, que se encarga de identificar tódolos posibles riscos. Antes de chegaren os primeiros ocupantes, varios voluntarios de diferentes departamentos ofrecéronse para traballar horas extra e limpar os apartamentos do edificio de vivendas F e os arredores.
1 de febreiro de 2018. Edificio de vivendas F
Cunha plataforma elevadora, uns contratistas rematan a instalación dos balcóns no edificio de vivendas F. A gama de cores dos balcóns está deseñada para identificar máis facilmente os edificios e para reflectir as tonalidades da paisaxe no outono. Ó fondo, retiran uns plásticos do edificio de vivendas E antes de desmontar os andamios.
3 de febreiro de 2018. Edificios de vivendas
Fóra de horas de traballo, un matrimonio leva as súas pertenzas ó apartamento que ocuparán no edificio de vivendas F, rematado o día anterior. Ó aloxar os voluntarios nos apartamentos construídos, afórranse custos de desprazamento e aluguer, e aumenta a produtividade.
12 de febreiro de 2018. Edificio de vivendas A
Á noite, uns contratistas botan o formigón da placa do aparcamento. Ó fondo, edificio de vivendas B.
15 de febreiro de 2018. Edificio de vivendas E
Un matrimonio do equipo de carpinteiros corta o mesado de cuarzo da cociña cunha serra circular de inmersión que conta cun sistema de aspiración de po. Cortar o mesado no sitio onde irá colocado reduce o risco de que rompa durante o traslado.