Galería de fotos das obras en Warwick (xaneiro a abril de 2015)
Nesta galería de imaxes poderás ver como marcha a obra de construción da sede central das Testemuñas de Xehová.
2 de xaneiro de 2015. Taller mecánico
Harold Corkern, axudante do Comité de Publicación do Consello Reitor, dá unha conferencia bíblica relacionada co emprego das nosas habilidades. Diferentes oradores visitan regularmente os traballadores voluntarios de Warwick a fin de animalos.
14 de xaneiro de 2015. Edificio de oficinas e servizos
Durante o inverno, unha lona branca de plástico serve de protección ós traballadores e axúdalles a finalizar os traballos. Esta parte do edificio está destinada ó comedor, a enfermería, a cociña e a lavandaría.
16 de xaneiro de 2015. Edificio de vivendas D
Os electricistas están a prepararse para instalar o cable. Ata o momento, máis de doce mil metros de cable percorren os edificios de vivendas. Os traballos relacionados coa instalación eléctrica comezaron ó pouco da adquisición da propiedade e continuarán ata a finalización do proxecto.
16 de xaneiro de 2015. Edificio de vivendas A
Un operario aplica cinta adhesiva a unha terraza para protexela da humidade. As terrazas do último piso cóbrense cun material resistente á auga chamado polimetacrilato de metilo (PMMA), que pode ser aplicado en forma líquida en pouco tempo.
23 de xaneiro de 2015. Edificio de vivendas A
Un equipo de electricistas formado por pai e filla instala o cable que subministrará enerxía eléctrica a tódalas vivendas.
6 de febreiro de 2015. Taller mecánico
Os traballadores voluntarios comen no comedor temporal. Sérvese comida para máis de dúas mil persoas tódolos días.
12 de febreiro de 2015. Edificio de oficinas e servizos
Os equipos de estruturas colocan barras metálicas para reforzar o soto dos talleres de mantemento.
12 de febreiro de 2015. Edificio de vivendas C
Cartas que os nenos envían dándolles as grazas ós voluntarios da obra. Moitos deles traballan durante un curto período de tempo. De feito, cada semana incorpóranse uns cincocentos voluntarios novos. En febreiro deste ano, traballaron nesta obra uns 2500 cada día.
24 de febreiro de 2015. Complexo de Warwick
Xa está completado arredor dun 60% do proxecto. Entre xaneiro e abril de 2015, a estrutura dos edificios de vivendas e mais a estrutura metálica do edificio de oficinas e servizos quedaron rematadas. Ó mesmo tempo, os operarios comezaron a instalar os paneis de formigón do edificio de mantemento, a construír os camiños que conectan os distintos edificios de vivendas, e a reparar a presa do lago cercano (Blue Lake).
25 de febreiro de 2015. Edificio de oficinas e servizos
Vista desde abaixo do oco dunhas escaleiras, que terá cinco plantas. Para a súa construción contratouse unha empresa externa, e os voluntarios das testemuñas de Xehová encargáronse de botar o formigón.
26 de febreiro de 2015. Edificio de mantemento e aparcadoiro para residentes
Aturando as baixas temperaturas, os voluntarios do equipo de estruturas instalan barras metálicas na primeira planta. Entre xaneiro e marzo, caeu máis dun metro de neve na zona. Os equipos encargados de quitar a neve mantiveron limpa a zona das obras; ademais, instalouse calefacción nalgunhas áreas para que os traballadores puidesen combater o frío.
12 de marzo de 2015. Aparcadoiro para visitantes
O tellado prefabricado cóbrese con láminas de metal. A finais de abril, a maior parte dos tellados dos edificios de vivendas xa estaban rematados e instalados. A colocación dos últimos tellados no edificio de vivendas B estaba programada para mediados de xuño.
18 de marzo de 2015. Edificio de mantemento e aparcadoiro para residentes
Vista do edificio de vivendas B dende o alto dunha grúa.
18 de marzo de 2015. Edificio de mantemento e aparcadoiro para residentes
Os fontaneiros consultan os planos do garaxe do aparcadoiro para residentes. Necesítanse máis de 3400 planos de construción aprobados para todo o proxecto.
23 de marzo de 2015. Edificio de oficinas e servizos
Dende unha plataforma elevadora, uns traballadores colocan unha lona para protexer o edificio. Reciben moita formación orientada ó uso correcto e seguro desta e outra maquinaria. As clases de seguridade inclúen o manexo de plataformas elevadoras, tesoiras, equipos de protección anticaída, máscaras e sinalización de cargas.
30 de marzo de 2015. Complexo de Warwick
Vista cara ó oeste dos edificios de vivendas. A finais de abril, xa estaban moi avanzados os traballos relacionados cos sistemas mecánicos e eléctricos dos edificios de vivendas A, B e D. No edificio de vivendas C, que non se ve nesta fotografía, xa están instalando os tabiques interiores e mailos azulexos. Tamén se comezaron os traballos de pintura.
15 de abril de 2015. Edificio de vivendas B
Dous traballadores aplican unha barreira de vapor á fachada dende unha plataforma elevadora. Tárdanse uns dous meses en aplicar este material a cada un dos edificios de vivendas.
27 de abril de 2015. Edificio de oficinas e servizos
Uns albaneis levantan un muro de granito. Esta parte do edificio estará destinada á recepción de mercadorías e mais varios departamentos auxiliares.
30 de abril de 2015. Complexo de Warwick
Contratáronse os servizos dun mergullador profesional para substituír unha válvula; deste xeito, con só premer un botón pódese regular o nivel de auga do lago para evitar inundacións no caso de furacán.