Un congreso en tagalo en Roma. “Unha gran reunión familiar!”
A 10.000 quilómetros das Filipinas, o lugar de orixe dos tagalos, milleiros de testemuñas de Xehová falantes de tagalo reuníronse en Roma (Italia) para asistir a un congreso do 24 ó 26 de xullo de 2015.
Calcúlase que son máis de 850.000 filipinos os que viven actualmente en Europa. Por iso non sorprende que neste continente haxa unhas sesenta congregacións e grupos de testemuñas de Xehová que celebran reunións en tagalo e comparten a mensaxe da Biblia cos seus veciños filipinos.
Porén, este de Roma foi o primeiro congreso de tres días que tiñan todas estas congregacións e grupos na súa propia lingua. Os 3239 asistentes estaban moi contentos de contar coa presenza de Mark Sanderson, un dos membros do Consello Reitor das Testemuñas de Xehová que no pasado serviu de voluntario en Filipinas. El presentou a conferencia de conclusión cada día do congreso.
“Chegároncheme ó corazón”
Cal é a vantaxe de que unha persoa asista ó congreso na súa lingua materna? “Eu entendo un pouquiño de inglés”, di unha nai solteira chamada Eva, “pero grazas a este congreso en tagalo, as ensinanzas da Biblia chegároncheme ó corazón”. Con tal de aforrar para a viaxe dende a súa casa en España a Italia, ela e mailos seus dous fillos decidiron non ir xantar fóra tódalas semanas como viñan facendo, senón só unha vez ó mes. “O esforzo ben pagou a pena”, comenta Eva, “porque neste congreso entendino todo”.
Jasmin, que vive en Alemaña, pediu uns días no traballo para asistir ó congreso. Ela conta: “Xusto antes de marchar dixéronme que había traballo por facer e tiña que quedar. Mantiven a calma, oreille a Xehová e fun falar coa xefa. Finalmente, reorganizamos o traballo e puiden asistir ó congreso! Foi incrible poder estar con irmáns filipinos de toda Europa”.
Como é de imaxinar, moitos dos filipinos que viven en Europa non só teñen morriña da súa terra, senón tamén dos seus amigos que emigraron a outras partes de Europa. Neste congreso moitos deles reencontráronse, pero agora como compañeiros de crenza (Mateo 12:48-50). Fabrice di: “Alegroume moitísimo encontrarme con xente coñecida!”. Ó final dos tres días, unha das asistentes ó congreso non deixaba de repetir: “Foi como unha gran reunión familiar!”.