Unha retransmisión que dá a volta ó mundo
O sábado 5 de outubro de 2013, 257.294 persoas en 21 localidades de diferentes países desfrutaron dos contidos da reunión anual n.o 129 de Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania. Algúns puideron asistir en persoa, e outros viron o programa vía Internet. Esa mesma semana, volveu retransmitirse en diferido. En total, 1.413.676 persoas en 31 localidades de diferentes países asistiron á que se converteu na reunión máis numerosa das testemuñas de Xehová. De feito, superouse a cifra acadada o 28 de abril de 2013, data na que se celebrou unha reunión especial en México e América Central que rexistrou unha asistencia de 1.327.704 persoas.
A principios da decáda de 1920, as testemuñas de Xehová retransmitían os seus congresos por radio e por vía telefónica a outros países. Na actualidade, grazas a Internet, incluso desde os lugares máis afastados do planeta pódense ver e escoitar estes eventos en directo, ou poucos segundos despois. William, unha testemuña de Xehová dos Estados Unidos, tivera a oportunidade de escoitar por vía telefónica un congreso en Richmond (Virxinia), celebrado en 1942. Comparando esta experiencia coa retransmisión da reunión anual do 2013, comenta: “Cando podes ver o programa, sácaslle moito máis partido. Non ten punto de comparación”.
Durante máis dun ano, testemuñas de Xehová de distintas sucursais dedicaron miles de horas a preparar a retransmisión. A fin de semana na que se celebrou a reunión anual, un equipo de técnicos monitorizou o programa desde un centro de control situado en Brooklyn (Nova York). Durante toda a fin de semana houbo técnicos as vintecatro horas do día, que traballaron a fin de facer chegar a retransmisión a quince zonas horarias diferentes. Ryan, que colaborou nas tarefas de instalación e posteriormente no centro de control, di: “É certo que apenas durmimos nada, pero cando soubemos cantas persoas puideran desfrutar deste evento, vimos que pagara a pena”.