Ir ó contido

Campaña na lingua dos saamis

Campaña na lingua dos saamis

Nun vasto territorio que ocupa parte de Finlandia, Noruega e Suecia viven os saamis, un pobo con cultura, tradicións e lingua enxebres. Recentemente as testemuñas de Xehová levamos a cabo dúas iniciativas para compartir cos saamis a mensaxe da Biblia.

En primeiro lugar, no outono de 2015, as testemuñas de Xehová comezamos a traducir algunhas das nosas publicacións e vídeos á lingua saami. a En segundo lugar, fixemos dúas campañas especiais, en 2016 e 2017, para distribuír estas publicacións e vídeos. Nestas campañas percorremos a Laponia, unha enorme rexión pola que vagan os renos.

“Un labor importante e moi valioso para a comunidade”

Durante a campaña especial en maio de 2017, máis de 200 testemuñas de Xehová de Finlandia, Noruega e Suecia participaron como voluntarios para visitar as numerosas aldeas espalladas ó longo de miles de quilómetros cadrados da Laponia. Algunhas aprenderan expresións na lingua saami e isto impresionoulles ás persoas desta fala. Denis, un dos voluntarios que visitou a localidade de Karigasniemi, dixo: “A xente decatouse do noso interese sincero e agradeceu o noso esforzo por falar a súa lingua”.

Como os saamis aprecian moito a natureza, chamoulles especialmente a atención a promesa que dá a Biblia de que a terra será un paraíso (Salmo 37:11). Por exemplo, cando unha muller saami comezou un curso da Biblia co folleto Deus ten boas noticias! e aprendeu o que Deus fará pola humanidade, preguntouse por que o seu ministro relixioso nunca lle falara do paraíso na terra.

Moitos deron as grazas polas visitas que recibiron. Un tendeiro, que observou dúas testemuñas de Xehová, felicitounas e díxolles que facían un labor importante e moi valioso para a comunidade. Convidounas a pasar pola súa tenda e coller a comida que precisasen, e insistiulles para que a levasen de balde.

Durante a campaña, os saami viron arredor de 180 vídeos e aceptaron máis de 500 publicacións. A miúdo pedían tódalas publicacións dispoñibles no seu idioma. Catorce persoas de fala saami comezaron un curso da Biblia.

“Un traballo moi profesional”

Algúns dos saamis que leron as nosas publicacións apreciaron a alta calidade da tradución. Nilla Tapiola, mestre de primaria e membro do Consello Executivo do Parlamento Saami comentou: “As vosas publicacións están moi ben traducidas.” Explicou que “son fáciles de ler e teñen un bo nivel lingüístico.” Un saami que vive no punto máis setentrional de Finlandia tamén dixo: “Sen dúbida é un traballo moi profesional.”

En Karigasniemi, na fronteira entre Finlandia e Noruega, as testemuñas de Xehová analizaron cunha profesora a primeira lección do folleto Deus ten boas noticias! A mestra quedou abraiada pola calidade da tradución e pediulles permiso ás Testemuñas de Xehová para empregar o folleto na escola ó ensinar a lingua saami.

Xa están traducidos á lingua saami varios vídeos, varias folliñas e un folleto. O sitio web jw.org apareceu neste idioma o 29 de febreiro de 2016. Esta páxina recibe unhas 400 visitas cada mes de falantes da lingua saami quen descargan uns 350 arquivos dixitais, de son e de vídeo.

Tanto os saamis coma quen os visitaron beneficiáronse desta campaña. Os primeiros “puideron comprobar que a Biblia dá consellos prácticos”, din Henrick e Hilja Maria, que percorreron Utsjoki. Lauri e Inga, quen tamén estiveron en Utsjoki, engaden: “Esta campaña ensínanos que Deus é imparcial. Sentímonos moi felices de amosar o Seu amor nestes sitios tan afastados.”

a Hai varias linguas saamis. A Enciclopedia Británica indica que “a máis amplamente falada é o saami setentrional”, e engade que é “falado polos dous terzos dos saamis”. As testemuñas de Xehová traducimos as nosas publicacións no saami setentrional. Neste artigo, empregamos o termo “lingua saami” para referírmonos a esta variedade setentrional falada pola maioría.