Ir ó contido

Para predicar camiñan polo leito do mar

Para predicar camiñan polo leito do mar

No Mar do Norte, preto da costa oeste do estado alemán de Schleswig-Holstein, ó redor de trescentas persoas viven en pequenos illotes espallados chamados Halligen. Como fan as testemuñas de Xehová para levar a mensaxe da Biblia a esas persoas? (Mateo 24:14).

Para chegar a algúns destes illotes, viaxan en barco. Non obstante, para chegar ós que viven noutras illas, un pequeno grupo de testemuñas de Xehová usa un método diferente: camiñan uns cinco quilómetros polo leito do mar. Como o conseguen?

Aproveitan as mareas

A clave está nas mareas. Cada seis horas aproximadamente, o nivel do Mar do Norte na zona de Halligen sube ou baixa uns tres metros. Cando baixa a marea, unha gran parte do leito mariño queda ó descuberto, o que fai posible que se chegue ós illotes a pé.

Como é esta viaxe? Ulrich, un guía con experiencia que dirixe o grupo, comenta: “Lévanos unhas dúas horas chegar a un dos illotes. A maior parte do tempo camiñamos descalzos, xa que é a maneira mellor e máis cómoda de camiñar polo leito do mar. Cando vai frío poñemos botas”.

A paisaxe é ben diferente do que estamos acostumados. Ulrich menciona: “É como se estiveses a camiñar nun planeta diferente. Algunhas zonas están cheas de lama, outras de rochas, e mesmo outras están cubertas de algas. Tamén se poden ver bandadas de aves mariñas, cangrexos e outros animais”. Ás veces, o grupo ten que cruzar pequenos regatos, chamados Priele en alemán, que se forman nas marismas.

Facer este camiño ten o seu aquel. Ulrich explica: “É moi fácil perderse, especialmente cando aparece a bruma mariña, así que sempre usamos un compás e un dispositivo GPS. Ademais, seguimos un horario moi estrito para que non nos colla a marea”.

Predicando nun dos illotes de Halligen

Merecen a pena todos estes esforzos? Ulrich conta a historia dun home de máis de noventa anos que habitualmente le La Atalaya e ¡Despertad!: “Certo día tivemos tan pouco tempo que non puidemos visitalo. Non obstante, o home alcanzounos coa súa bicicleta antes de marchar e díxonos: ‘Ídesme deixar sen La Atalaya?’. Evidentemente estivemos encantados de deixarlla”.