Ir ó contido

Un folleto ilustrado que ensina a Biblia en centos de idiomas

Un folleto ilustrado que ensina a Biblia en centos de idiomas

Odval vive en Mongolia. Non está moi segura de cantos anos ten, aínda que pensa que naceu en 1921. Desde ben pequena traballou coidando o gando de seus pais, e só puido asistir un ano á escola. Non sabe ler. Pero hai pouco, grazas a un folleto cheo de didácticas ilustracións, aprendeu algunhas ensinanzas básicas sobre Deus e o marabilloso futuro que lles agarda a tódolos que o obedezan. Estas verdades chegáronlle ó corazón.

Este folleto fermosamente ilustrado foi publicado en 2011 polas Testemuñas de Xehová, e está dispoñible en dúas versións, que difiren na cantidade de texto que conteñen.

A versión con máis texto, Escoita a Deus e vivirás para sempre, pronto estará publicada en 583 idiomas; a outra versión, Escoita a Deus, en 483. Este folleto existe en máis idiomas cá Declaración Universal dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas, que para outubro de 2013 estaba dispoñible en 413. Xa se levan distribuído case oitenta millóns de copias das dúas versións deste folleto.

En Brasil, unha anciá que aceptou o folleto Escoita a Deus comentou: “Canto me gusta que haxa quen se preocupe pola xente coma min. Como non sei ler, nunca vos collía as revistas. Pero este folleto si que o quero”.

Brigitte vive en Francia e tampouco sabe ler. Ela conta: “Tódolos días miro as ilustracións do folleto”.

Unha testemuña de Xehová de África do Sur escribiu: “Non hai mellor publicación ca esta para mostrar ensinanzas básicas da Biblia ás persoas que falan chino. Con el chego a unha gran variedade de xente, xa que o teño usado tanto con universitarios coma con persoas que case non sabe ler. O folleto Escoita a Deus e vivirás para sempre permíteme ensinar en tan só media hora as verdades bíblicas fundamentais”.

En Alemaña, dúas testemuñas de Xehová estudan a Biblia cunha parella con estudos superiores. O home estaba impresionado con esta publicación, e dixo: “Como non me destes este folleto antes? Con el é moi doado entender os conceptos e acontecementos bíblicos”.

Unha muller xorda de Australia comentou: “Vivín moitos anos nun convento de monxas, así que estaba todo o cerca que se pode estar dos líderes da Igrexa. Pero ningún deles me explicou que é o Reino de Deus. Grazas ás ilustracións deste folleto puiden entender o verdadeiro significado de Mateo 6:10”.

A sucursal das Testemuñas de Xehová do Canadá escribe: “Cando viron o folleto Escoita a Deus no idioma krio, moitas persoas orixinarias de Serra Leoa que residen aquí comentaron que as testemuñas de Xehová se preocupan de verdade por ensinar a mensaxe da Biblia. Algúns dixeron: ‘Non lle importamos a case ninguén, pero a vós si’”.