“Mellor que ir ó cine”
Tódolos anos, as Testemuñas de Xehová producimos vídeos que se proxectan nos congresos que celebramos como parte do programa. A maioría deles grávanse en inglés. Como poden entendelos os asistentes ós congresos que se celebran en centos de linguas diferentes? Na maioría dos casos, os vídeos dóbranse, é dicir, engádese unha pista de son co diálogo no idioma vernáculo do congreso. Que opinan os asistentes acerca destes vídeos dobrados á súa lingua?
Comentarios sobre os vídeos dobrados
Vexamos o que comentan algunhas persoas que non son testemuñas de Xehová e asistiron a algún dos congresos celebrados en México e América Central.
“Non só entendía o que estaba a ver, senón que parecía que o estaba vivindo. Chegoume directo ó corazón” (asistente ó congreso rexional en lingua popoluca celebrado en Veracruz, México).
“Sentíame coma se estivese na miña vila falando cun amigo de moita confianza. Foi mellor que ir ó cine porque o entendín todo” (asistente ó congreso rexional en lingua nahuatl celebrado en Nuevo León, México).
“Ó ver os vídeos no meu idioma, semellaba que os personaxes me estaban falando directamente a min” (asistente ó congreso en lingua chol celebrado en Tabasco, México).
“Esta organización preocúpase por axudar ás persoas a aprender no seu propio idioma. Non hai outra igual!” (asistente ó congreso rexional en lingua cachiquel celebrado en Sololá, Guatemala).
As testemuñas de Xehová non contratamos técnicos nin actores de voz profesionais, e gravamos as nosas producións en zonas afastadas e con poucos medios. Entón, como conseguimos que as gravacións sexan de boa calidade?
“Non hai traballo máis gratificante”
En 2016, a sucursal de América Central das Testemuñas de Xehová supervisou a dobraxe ó castelán e a outras 38 linguas indíxenas de varios vídeos que se proxectarían no congreso rexional. Arredor duns 2500 voluntarios participaron neste traballo. Os técnicos e os equipos de tradución gravaron a pista de son na sucursal, en oficinas de tradución e noutras localizacións nas que se montaron salas de gravación provisionais. En total, os equipos gravaron en máis de 20 localizacións situadas en Belize, Guatemala, Honduras, México, e Panamá.
A montaxe e acondicionamento das salas de gravación provisionais precisou moito traballo e imaxinación. Para illalas, tiveron que usar os materiais que había á man, tales como colchóns e mantas.
Moitos dos actores de voz das linguas indíxenas contaban con recursos económicos limitados e realizaron enormes sacrificios para ir ó estudio de gravación máis próximo. Algúns ata viaxaron catorce horas. Un pai e un fillo camiñaron oito horas para chegar ó que máis preto lles quedaba.
Dende que era nena, Naomi maila súa familia colaboraron na montaxe dos estudios provisionais. Ela recorda: “Sempre estabamos desexando que chegase a semana das gravacións. Meu pai traballaba moitísimo para coordinalo todo. E miña nai ten cociñado para grupos de trinta voluntarios”. Agora Naomi traballa como voluntaria nunha oficina de tradución en México. “Faime moi feliz contribuír co meu tempo a que as persoas poidan escoitar a mensaxe da Biblia na súa lingua. Para min non hai traballo máis gratificante ca este”, comenta.
Os congresos anuais das Testemuñas de Xehová celébranse por todo o mundo e están abertos ó público. Se desexas máis información, vai á sección CONGRESOS.